Gómez Caamaño salienta a aposta da Xunta pola vacinación e a planificación para facer fronte a unha vaga de gripe que se mantén polo momento estable
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Pon de relevo a anticipación do sistema sanitario público galego para afrontar a maior demanda asistencial desta época do ano
- Actualmente, a incidencia da gripe en Galicia atópase nun nivel de baixo risco, cunha tendencia estable na aparición de novos casos, ingresos e consultas
- O conselleiro remarca os bos resultados das medidas preventivas, como a campaña de vacinación ou a creación da rede de vixilancia de farmacias sentinela
- Agradece a dedicación, o traballo e o compromiso do conxunto de profesionais sanitarios galegos

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta tarde no Parlamento de Galicia o éxito do Plan sanitario galego de inverno posto en marcha pola Xunta, co que se conseguiu garantir a calidade dos servizos asistenciais durante a presente tempada de gripe.
Segundo apuntou, os reforzos materiais e humanos do novo Plan sanitario de inverno do Executivo galego, e o seu marcado carácter preventivo, posibilitaron afrontar "coas máximas garantías" o incremento da demanda asistencial que adoita ser habitual nesta época do ano.
Dotado cun investimento extraordinario de 8 millóns de euros, o plan facilitou que a incidencia da gripe na comunidade non tivese, ata o momento, unha gran repercusión na presión asistencial do centros sanitarios galegos. Así, as infeccións respiratorias mantivéronse cun nivel de intensidade baixo no transcurso das última semanas.
De acordo cos últimos datos publicados, Gómez Caamaño precisou que na actualidade Galicia se atopa nun escenario de baixo risco, e cunha tendencia estable na aparición de novos casos, ingresos e consultas.
En concreto, na semana 3, en comparación coa semana anterior, a taxa de consultas por gripe en atención primaria diminuíu un 13 %, os ingresos hospitalarios descenderon un 26 %, a taxa de consultas por infeccións respiratorias agudas baixou un 31,1 % e, os ingresos por Virus Respiratorio Sincitial (VRS) tamén se viron reducidos en relación coa semana anterior. Ademais, os informes semanais tamén evidencian que só o 15 % das urxencias atendidas derivou nun ingreso.
A nivel asistencial, precisou que nestes intres o 71 % dos galegos obteñen cita co seu médico de cabeceira en menos de 4 días e que, das 600 camas de continxencia que se recollen no Plan, a día de hoxe só están despregadas pouco máis da metade.
Unha planificación con claro enfoque preventivo
Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade salientou o marcado carácter preventivo do Plan sanitario galego de inverno, un enfoque que permitiu anticipar a toma de decisións en función dos escenarios que se deron en cada área sanitaria.
Neste sentido, lembrou o investimento de 11,3 millóns de euros que a Xunta destina á presenta campaña de vacinación. Un orzamento que, xunto co alto nivel de concienciación da poboación galega coas vacinas, posibilitou conter a influencia das vagas de gripe e doutras infeccións de carácter respiratorio.
Sobre este particular, no que vai de campaña Galicia suma case 800.000 persoas vacinadas, o que supón que máis do 65 % da poboación de máis de 60 anos estea vacinada, e que se acade o 85 % no caso das persoas maiores de 80 anos.
O responsable da Sanidade galega, destacou tamén a posta en marcha doutras medidas no que atinxe á vixilancia e monitorización da situación epidemiolóxica. Neste caso, remarcou que a recente creación da Rede de vixilancia de farmacias sentinela permite adiantarse aos acontecementos e empregar os recursos da maneira máis axeitada en cada momento.
Gómez Caamaño, concluíu a súa intervención agradecendo a dedicación, o traballo e o compromiso de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde, un labor que permite garantir unha prestación sanitaria de calidade no conxunto da comunidade.