A Xunta impulsa a cultura emprendedora este curso entre case 26.500 alumnos de 207 centros educativos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Plan Eduemprende inclúe 13 programas con actividades para estudantes desde Educación Primaria ata as Ensinanzas para Adultos
- Desenvólvense en colaboración con entidades especializadas e diversos departamentos

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2025
A Xunta impulsa este curso 2024/25 a cultura emprendedora entre case 26.500 alumnos de 207 centros educativos de toda Galicia. Faino a través dos 13 programas que compoñen o Plan Eduemprende, que constitúe o marco de fomento do espírito emprendedor no sistema educativo da nosa comunidade.
A relación de centros participantes en cada programa pode consultarse no Portal Educativo. Por programas, o número de centros implicados é o recollido na seguinte táboa:
Programas | Centros | Alumnado |
Actúa | 75 | 3.336 |
Atrévete | 58 | 2.352 |
EduIndustria | 26 | 973 |
EduInspira | 23 | 1.220 |
Finanzas para Mortais | 101 | 5.022 |
Grand Prix financeiro | 26 | 1.727 |
Prepárate para o salto | 63 | 2.754 |
A tola aventura do aforro | 20 | 1.111 |
Seguramente | 76 | 2.363 |
Medios de pagamento | 34 | 1.420 |
Mentoring FP | 4 | 80 |
Simula | 17 | 535 |
EduTecEmprende | 98 | 3.536 |
Total | 621 | 26.429 |
Desde Primaria e ESO
Os programas incluídos no plan buscan amosar ao alumnado como se pode crear unha empresa desde cero, con actividades pensadas para todas as idades, desde a Educación Primaria. É o caso, por exemplo, da iniciativa Atrévete, dirixida a estudantes de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO, na que os nenos coñecen experiencias de emprendemento tanto desde a FP como desde as asociacións empresariais e, despois, artellan a súa propia idea de negocio para presentala ao certame Atrévete a ter unha idea.
Para os alumnos máis novos existen tamén tres programas desenvolvidos en colaboración coa Fundación Galicia Obra Social ABANCA. Grand Prix Financeiro céntrase nos alumnos de 3º a 6º de Primaria e traballa conceptos básicos a través dun xogo xigante da oca na que deben distribuír o diñeiro dun salario simulado para aprender a chegar a fin de mes distinguindo os gastos inescusables e os secundarios. En A tola aventura do aforro (para toda a Educación Primaria), os escolares participan nun xogo dixital interactivo no que deben tomar decisións financeiras estratéxicas semellantes ás que afrontan as persoas adultas para xestionar os seus aforros. No caso de Seguramente (3º a 6º de Primaria, ESO e ciclos de FP de grao Básico) o alumnado realiza unha viaxe virtual polo Camiño de Santiago traballando conceptos como a planificación de gastos, a xestión de imprevistos ou a toma de decisións.
Tamén inclúen a estudantes da ESO outros dous programas. En colaboración co Banco Santander e a Fundación da Universidade de Cantabria para o Estudo e a Investigación do Sector Financeiro, Finanzas para Mortais (3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP) organiza obradoiros para aprender a xestionar a economía persoal, as contas bancarias ou os aforros, adaptados ás diferentes idades, así como para informar sobre a planificación de inversións e da iniciativa emprendedora.
Pola súa banda, EduTecEmprende (3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP) achega os alumnos aos centros tecnolóxicos e empresas punteiras de Galicia, onde poden entrar en contacto con novas técnicas de produción e tecnoloxías emerxentes en distintos sectores produtivos, así como coñecer distintos perfís profesionais técnicos a través das experiencias dos traballadores.
Bacharelato, FP e réxime especial
As actividades de Actúa van dirixidas a estudantes de Bacharelato coa materia de Economía, de FP de grao medio e superior, Ensinanzas Deportivas ou de Artes Plásticas e Deseño e ten como obxectivo potenciar as capacidades do alumnado para afrontar proxectos de emprendemento. Para iso, realízanse sesións na aula para reflexionar sobre as posibilidades do autoemprego que se completan con talleres a cargo de persoal especializado arredor da creatividade, a comunicación ou as habilidades sociais, entre outros.
Ás mesmas etapas educativas e ás Ensinanzas para Adultos vai dirixido Prepárate para o salto. Desenvolvido en colaboración coa Fundación Galicia Obra Social de ABANCA. Consiste na asistencia a unha conferencia dinámica titulada Sé intelixente cos teus cartos, na que se abordan os retos que marcarán a evolución da economía mundial facendo especial fincapé na necesidade de incrementar o nivel de coñecemento das finanzas persoais para mellorar a alfabetización financeira.
Específicos para FP
Xa con accións específicas para a alumnos da FP, o Plan Eduemprende inclúe outros cinco programas. En colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña desenvólvense EduIndustria e EduInspira. O primeiro deles propón unha actividade interactiva na que o alumnado resolve retos e casos prácticos que fomentan a creatividade e axudan a interiorizar conceptos de planificación empresarial. O segundo consiste nun obradoiro inspirador no que persoas emprendedoras de diversos sectores profesionais comparten as súas experiencias, retos e logros co alumnado e profesorado.
En colaboración coa Fundación Galicia Obra Social de ABANCA organízase Medios de pagamento, cun obradoiro sobre o uso de tarxetas, tipos de pagamento electrónicos, riscos ou controis. Ademais, os centros seleccionados reciben un TPV que lles permite crear e xestionar comercios virtuais, facilitando a aprendizaxe práctica.
O programa Mentoring FP realízase co colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e achega ao alumnado a mentorización dunha persoa responsable dunha empresa tecnolóxica da nosa comunidade, que comparte os seus coñecementos e a súa experiencia no sector para guiar e potenciar o seu talento e as súas habilidades.
Finalmente, Simula propón ao alumnado a constitución dun negocio virtual no que a dirección e a xestión está a cargo deles mesmos, que reproducen na aula as situacións reais do ámbito financeiro, administrativo, laboral ou comercial que se producen nunha empresa.