A Residencia Xacobeo promove por primeira vez a tradución de obras galegas ao asturiano coa estadía de Inaciu Galán
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O escritor gañador desta iniciativa, que xa vai pola súa quinta edición, estará durante o mes de marzo na Residencia Literaria 1863 para levar a cabo o seu proxecto
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a entidade que xestiona Yolanda Castaño colaboran na proxección da literatura galega tanto no panorama nacional como no exterior
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2025
A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o asturiano Inaciu Galán, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor da península que traballará nun proxecto de tradución ao asturiano.
A colaboración da Xunta de Galicia e a entidade con sede na Coruña xestionada por Yolanda Castaño, xestora cultural e poeta, gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023, promoven esta residencia, por quinta edición consecutiva, co obxectivo de promocionar a tradución da literatura en galego e, deste xeito, impulsar as letras galegas tanto no panorama nacional como no exterior.
O escritor e xornalista Inaciu Galán aproveitará o seu paso pola cidade herculina para por en marcha o seu proxecto literario, cuxa finalidade é escoller medio cento de poemas de autores actuais, menores de 35 anos e que neste momento sexan referentes na literatura galega, para preparar unha antoloxía bilingüe, traducida ao asturiano.
Estadía na Coruña
A Residencia Xacobeo ofrece unha estadía completa, así como acceso a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos na cidade da Coruña.
Sobre Inaciu Galán y González
Inaciu Galán, nado en Xixón en 1986, é escritor, xornalista e activista en defensa do asturiano. Fundou e dirixe a revista literaria Formientu e desde 2012 é presidente do colectivo a prol da normalización da lingua, Inciativa pol Asturianu. É un dos modernizadores e difusores do xénero do monólogo en asturiano, e publicou en 2008 a primeira escolma sobre este xénero, Antoloxía de monólogu modernu ¡Pa echar unes rises!, seguida en 2011 de Más monólogos... ¡Pa echar unes rises!.
Dentro dos seus últimos traballos destaca a tradución á lingua asturiana da obra A segunda lingua de Yolanda Castaño. Galán, nas súas facetas como articulista, escritor e tradutor colaborou en numerosas publicacións como El Gomeru, Lletres Asturianes, Lletres Lliterariu ou Reciella Malory, entre outras.
A través da Residencia Xacobeo, Inaciu Galán será o quinto tradutor que se beneficie desta iniciativa, tras os estadounidenses Jacob Rogers, Kathleen March e Lindsay Semel, e o letón Arvis Viguls.