Lorenzana avanza que a partir do vindeiro mércores poderán solicitarse as axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 3,1 M€ e subvenciona a compra de turismos e furgonetas cun custo inferior ou igual a 42.000 €, que se amplía a 47.000 € para vehículos eléctricos cunha autonomía maior a 30 km en modo eléctrico e, como novidade, en 6.000 euros máis, cando se trate dun vehículo adaptado para a condución de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas
- Un requisito imprescindible é que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, de polo menos 10 anos de antigüidade se se trata dun turismo e, de cinco, se son furgonetas
- A contía das axudas oscilará entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo os niveis de emisións; a Xunta achega 2.000 ou 3.000 euros, en función do modelo, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros
- Prevese apoiar a renovación duns 1.400 vehículos, que mobilicen 34 M€ de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Ourense, 18 de xaneiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a partir do vindeiro mércores 22 de xaneiro e ata o 30 de setembro, xa se van poder solicitar as axudas da Xunta para a compra de vehículos eficientes, dirixidas tanto a particulares como a pemes e autónomos.
Lorenzana presentou hoxe a nova convocatoria do programa 'Renova o teu vehículo' acompañada por representantes da Federación de Asociacións de Concesionarios da Automoción (Faconauto), onde quixo agradecer a contribución dos concesionarios galegos no deseño deste plan axudas que tivo moi boa acollida na pasada edición.
"O diálogo constante entre a Administración e as organizacións do sector é clave para afrontar os retos da electrificación e a dixitalización, así como para deseñar medidas que reforcen a nosa competitividade e, ao mesmo tempo, incentiven a demanda", dixo, para poñer en valor o liderado da automoción galega.
Segundo explicou, o programa 'Renova o teu vehículo' ten tres obxectivos principais: axudar ás familias, autónomos e empresas na adquisición de vehículos novos e máis eficientes; renovar o parque móbil galego, que aínda ten unha idade media de 14 anos; e impulsar unha mobilidade sustentable e sensibilizar á sociedade sobre a importancia de reducir as emisións contaminantes.
A convocatoria
Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 3,1 millóns de euros e subvenciona a compra de turismos e furgonetas que han de cumprir uns determinados niveis de emisións e han de ter un custo inferior ou igual a 42.000 euros (impostos incluídos), que se amplía a 47.000 euros para vehículos eléctricos cunha autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros máis, como novidade, cando se trate dun vehículo adaptado para a condución de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas. No caso dos particulares, cobre a compra dun único automóbil e, para as empresas e autónomos, de ata dez unidades.
Un requisito imprescindible é que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, matriculado en España, de polo menos 10 anos de antigüidade se se trata dun turismo e, de cinco, se son furgonetas; en ambos os dous casos, co pagamento do imposto de circulación do último ano en vigor. Outra das novidades desta convocatoria é que se establecen novos umbrais de emisións para acceder ás axudas: 100 g CO2/km e 120 g CO2/km.
A contía das axudas, por concorrencia non competitiva, oscilará entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo os niveis de emisións e, destas contías, a Xunta achega 2.000 ou 3.000, en función do modelo, e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros. O pago da subvención realizarase directamente ao concesionario, polo que o beneficiario final xa non terá que desembolsala previamente.
Na pasada edición, este programa permitiu a compra de 1.254 vehículos, cun impacto positivo tanto na economía como no medio ambiente. Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé apoiar a renovación duns 1.400 automóbiles, que mobilicen 34 millóns de euros de investimentos directos e xeren aforros enerxéticos equivalentes a 300.000 litros de gasóleo ao ano, e económicos de 450.000 euros anuais. Ademais, estímase que poida favorecer a creación de mais de 276 postos de traballo directos, e unha redución de emisións de 820 toneladas de dióxido de carbono ao ano (equivalente ao efecto de 41.000 árbores).