López Campos anuncia a licitación por máis de 300.000 € das obras de restauración do santuario da Peregrina
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Adianta que a actuación contará cun prazo de execución previsto de 6 meses e está dirixida a resolver as patoloxías causadas polas humidades que afectan as fachadas
- Salienta que os Orzamentos deste ano do goberno galego inclúen preto de 2,5 M€ para actuacións neste e noutros dous inmobles sobranceiros da cidade do Lérez
- Garante que a Xunta reforzará o coidado e preservación "nas mellores condicións" da gran riqueza patrimonial de Galicia
- Destaca que a Administración autonómica ten realizado 130 actuacións patrimoniais durante o pasado ano en Galicia, cun investimento de case 13 millóns de euros

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2015
A Xunta de Galicia acaba de licitar por máis de 300.000€ as obras de restauración do santuario da Virxe da Peregrina en Pontevedra para resolver as patoloxías causadas polas humidades que afectan principalmente á cuberta e ás fachadas. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este Ben de Interese Cultural, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera.
O responsable de Cultura do Goberno galego precisou que as actuacións contarán cun prazo de execución previsto de seis meses para, segundo adiantou, substituír a cuberta de chumbo por unha de zinc, realizar impermeabilizacións, reparar canlóns, protexer as gárgolas e cambiar a pasarela de madeira de acceso á cuberta por unha metálica. Ademais, tamén avanzou que a intervencións incluirán, entre outras, a restauración dos elementos escultóricos, como son a balaustrada, os pináculos, as cornixas e tamén as imaxes da virxe da Peregrina, Santiago, san Roque e a da Alegoría da Fe.
López Campos salientou a importancia destas obras para manter nun estado de conservación "óptimo e axeitado" un "ben sobranceiro, simbólico e querido pola veciñanza de Pontevedra". Nesta liña, enxalzou a relevancia "cultural e turística" deste inmoble, xa que asegurou que se ten convertido nunha "visita imperdible por parte de toda aquela persoa que quere coñecer a cidade e a provincia".
2,5 M€ en tres significativos bens de Pontevedra
O conselleiro lembrou que este investimento forma parte dos preto de 2,5 M€ dos Orzamentos da Xunta deste ano para actuacións de restauración en "tres significativos bens patrimoniais" da cidade de Pontevedra, como son o convento de Santa Clara, a basílica de Santa María a Maior e o nomeado santuario da Peregrina. Consecuentemente, enmarcou estas actuacións na estratexia do Goberno galego para "reforzar o coidado e preservación nas mellores condicións da gran riqueza patrimonial desta cidade e de toda Galicia".
O representante da Administración autonómica defendeu esta "importante partida" na conservación e restauración por parte do Goberno galego dos "valiosos bens culturais" que ten a cidade de Pontevedra, "que son unha mostra do coidado que recibe e recibirá por parte da Administración autonómica todo o patrimonio de Galicia".
22 M€ para a área de Patrimonio en 2025
Precisamente, encadrou estas restauracións dentro do compromiso da Xunta de "conservación, mantemento e posta en valor dos nosos bens patrimoniais para que sigan contando a nosa historia ás novas xeracións". Neste senso, lembrou as 130 intervencións arquitectónicas sobre 81 bens realizadas o pasado ano cunha contía de case 13 millóns de euros e avanzou que nos Orzamentos de 2025 se reservan 22 M€ para área de Patrimonio.
Nesta liña, enxalzou que o Goberno galego mantén unha "política decidida" a favor da salvagarda "dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico de Galicia" a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos. Así considerou que o demostran os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.