A Xunta destaca o papel da Asociación de Mulleres Rurais Alecrín de Melide na dinamización do agro galego
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuniuse esta tarde coa directiva desta entidade, que celebra este ano o seu décimo aniversario
- Salientou que esta asociación conta actualmente con arredor de 900 integrantes e que oferta diferentes actividades que inciden na activación do tecido social do rural da contorna, así como na mellora da calidade de vida das asociadas e das súas familias
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Melide (A Coruña), 10 de xaneiro de 2025
A conselleira María José Gómez, puxo hoxe en valor o relevante papel de entidades como a Asociación Alecrín de Mulleres Rurais da comarca de Melide na dinamización do agro galego. A titular de Medio Rural mantivo esta tarde un encontro coa directiva desta asociación e trasladou a intención da Xunta de reforzar a colaboración con este colectivo, que conmemora neste 2025 o seu décimo aniversario.
Con este motivo, Alecrín ten previsto desenvolver ao longo deste ano diferentes iniciativas, entre as que se atopan unha xuntanza con mulleres rurais de toda Galicia, un festival de ioga a nivel nacional, unha exposición de retratos de mulleres rurais desenvolvendo os seus traballos ou a edición dun libro ilustrado do rural galego con especial fincapé no papel das mulleres e feito polas asociadas que participan nos talleres de ilustración.
Nesta liña, Gómez salientou que esta asociación conta actualmente con arredor de 900 asociadas, a maior parte delas da comarca de Melide, pero tamén doutras localidades, e que oferta diferentes actividades, entre as que salientan a cestería, o ioga e pilates, a ximnasia, a ilustración ou a bailoterapia. Toda esta oferta incide, tal e como destacou a conselleira, na activación e dinamización do tecido social do rural da contorna, así como na mellora da calidade de vida das asociadas e das súas familias, xa que a maior parte das actividades programadas teñen unha clara influencia positiva no benestar do colectivo.
En parecidos termos, María José Gómez puxo de relevo o papel da muller no agro e a súa contribución ao desenvolvemento de todo o territorio, tanto polas súa aportación no eido económico e produtivo como no ámbito social, cara onde se orientan as actuacións desta asociación situada en Melide.
Do mesmo xeito, a conselleira subliñou a colaboración que Alecrín vén mantendo coa cooperativa CLUN e as sinerxías que supón esta cooperación para ambas partes e que representa ademais un exemplo de entendemento e traballo en común a prol do rural na nosa comunidade.