Sanidade ofrécelles aos centros universitarios convenios para a realización de prácticas dos estudos de grao ou mestrado
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
- O obxectivo é fomentar a cooperación coas universidades para conseguir profesionais cunha adecuada visión das necesidades reais ás que deberán dar resposta no seu desempeño profesional futuro
- O procedemento establecido no convenio afonda na garantía de dereitos da cidadanía e na transparencia e equidade das accións da Consellería de Sanidade
- O departamento sanitario galego recibe múltiples solicitudes de universidades de fóra de Galicia, demandando colaboración que posibilite aos seus alumnos estancias formativas prácticas en centros dependentes de Sanidade
- No 2024, Sanidade aprobou 540 prácticas de universidades de fóra de Galicia
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar recentemente o modelo normalizado de convenio de cooperación educativa entre o departamento sanitario da Xunta e os centros universitarios, para a realización de prácticas externas dos estudos oficiais de grao e/ou mestrado en centros asistenciais e unidades administrativas do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade.
O obxectivo é establecer e fomentar relacións de cooperación coas universidades para conseguir profesionais cunha adecuada visión das necesidades reais ás que deberán dar resposta no seu desempeño profesional futuro, a través das vías efectivas e eficientes de cooperación educativa cos centros universitarios.
Ao longo do ano a Consellería de Sanidade recibe múltiples solicitudes procedentes de diferentes centros universitarios de fóra de Galicia, demandando colaboración que posibilite aos seus alumnos a realización de estancias formativas de carácter práctico en centros asistenciais do sistema sanitario público de Galicia ou en unidades administrativas da Consellería de Sanidade.
En concreto, no ano 2024, Sanidade aprobou 540 prácticas de universidades de fóra de Galicia.
No caso de estudantes dos centros do sistema universitario galego, os concertos asinados coas respectivas universidades pola Consellería de Sanidade establecen o marco para o desenvolvemento desta formación de carácter práctico.
Con todo, considérase necesario establecer un procedemento áxil para poder atender as solicitudes feitas desde outras universidades e que dea cobertura legal, académica e garanta outros aspectos de calidade asistencial e docente derivados da realización dos programas de prácticas.
O procedemento establecido no convenio publicado afonda na garantía de dereitos da cidadanía e na transparencia e equidade das accións levadas a cabo pola Consellería de Sanidade.
Condicións de cooperación
O obxecto do convenio é establecer a forma e as condicións da cooperación educativa para a adecuada planificación, desenvolvemento e avaliación do programa de prácticas externas a través do cal o alumnado da universidade adherida poida complementar a súa formación teórica con formación práctica en centros asistenciais ou en unidades administrativas do departamento sanitario galego.
Esta formación práctica terá como obxectivo o coñecemento por parte do alumnado da metodoloxía e técnicas do campo da titulación correspondente, a través do aproveitamento da experiencia da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde en áreas operativas relacionadas coa súa formación universitaria, promovendo o desenvolvemento profesional e o acceso ao mercado laboral dos futuros titulados.
As solicitudes de adhesión a este convenio de cooperación educativa procedentes dos centros universitarios deberán ser presentadas á Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), cunha antelación mínima de dous meses á data de inicio da dita estancia práctica.
A selección do alumnado que vaia a realizar as prácticas externas no marco do convenio corresponderá á universidade e deberá respectar os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade.
A universidade deberá comunicar á Consellería de Sanidade, a través da ACIS, os estudantes propostos para a realización das prácticas obxecto do convenio, xunto coa referencia á titulación cuxos estudos están a cursar e os contidos e obxectivos da formación práctica para cada un deles, cunha antelación mínima de dous meses ao comezo da actividade que se solicita.
A selección dos centros asistenciais ou unidades administrativas para a realización de prácticas e o establecemento do número definitivo de alumnos aceptados corresponderá á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde, unha vez consultados os correspondentes centros e dispositivos asistenciais e unidades administrativas.
Nos centros asistenciais e unidades administrativas onde se leve a cabo a formación práctica designarase un titor con vinculación ao centro ou unidade, con experiencia profesional e cos coñecementos necesarios para unha titorización efectiva, baixo cuxa supervisión realizará as prácticas cada estudante, e que velará pola súa formación e polo cumprimento do plan específico fixado polo centro ou unidade.
Os titores das prácticas comprométense a orientar e asesorar individualmente a cada estudante, de maneira que se facilite a súa aprendizaxe nese contexto específico a través de diversas actividades e a facilitar ao alumnado os datos e as axudas necesarias para o coñecemento da realidade á que se incorporan, de maneira que poidan participar nos proxectos de traballo que se están levando adiante.
- Etiquetas:
- C. de Sanidade
Documentos descargables
- No hay ficheros adjuntos