A Xunta publica a oferta de emprego público 2024 da sanidade pública galega con 1.172 prazas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Diario Oficial de Galicia recolle a distribución das prazas ofertadas en cada categoría
- O Goberno galego esgota a taxa máxima de reposición e, como novidade, poderá convocar prazas adicionais en caso de xubilacións que se produzan en 2025 ou 2026
- Ás 1.157 prazas ofertadas polo Servizo Galego de Saúde, engádense 15 máis de persoal sanitario funcionario
- Nas futuras convocatorias incluiranse prazas pendentes de 2022 e 2023, co cal se chegarán a ofertar 2.090 prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e 34 de persoal sanitario funcionario da Consellería

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publicou, na súa última edición do ano, os decretos das ofertas de emprego público do ano 2024 de persoal estatutario do sistema público de saúde e de persoal sanitario funcionario ao servizo da comunidade autónoma, cunha oferta total de 1.172 prazas.
Por unha banda, o Servizo Galego de Saúde distribúe 1.157 prazas en 309 prazas de persoal na categoría de licenciado sanitario, 526 de diplomado sanitario e de formación profesional e 322 prazas na categoría de xestión e servizos.
No referido ao persoal facultativo destacan as 38 prazas na especialidade de médico de urxencias hospitalarias, 23 de medicina interna, 15 psiquiatría ou 13 de pediatría en atención primaria.
En canto ao persoal diplomado sanitario e de formación profesional, son salientables as 152 prazas pertencentes ás diferentes especialidades de enfermería, 331 destinadas a técnicos en coidados auxiliares de enfermería ou 15 reservadas para fisioterapeutas.
Ademais, a oferta destinada ao persoal de xestión e servizos inclúe, entre outras, 150 prazas de celador, 70 do grupo de auxiliar da función administrativa, e 51 para persoal de servizos xerais.
Do conxunto das 1.157 prazas que integran a oferta de emprego público (OPE) do ano 2024, 58 reservaranse para persoas con discapacidade xeral e outras 24, a persoas con discapacidade intelectual.
Esta nova oferta de 1.157 prazas, sumada ás prazas pendentes de convocar das ofertas de persoal estatutario para os anos 2022 e 2023, posibilitará a execución de novas convocatorias de procesos selectivos nas que se incluirán 2.090 prazas do sistema sanitario público de Galicia.
No que atinxe á oferta de persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria, componse de 5 prazas de inspectores médicos, 4 de graduados en enfermaría, 4 de licenciados en farmacia e 2 en psicoloxía.
Tanto nas prazas de enfermaría como de psicoloxía resérvase unha praza en cada clase para a quenda de discapacidade xeral.
Ás convocatorias da última oferta de emprego público sumaranse as prazas pendentes de convocar da oferta de 2023 e así chegarán ás 34.
O sistema de selección para ambas as ofertas será o de concurso-oposición e incluirá as prazas que corresponden para a súa provisión polo sistema de promoción interna.
No caso das convocatorias do Servizo Galego de Saúde, manterase unha puntuación especial nos baremos de méritos das categorías ou especialidades de medicina que valore ter prestado servizos en hospitais comarcais ou centros de saúde illados.
Cobertura de xubilacións áxil
Coa finalidade de reducir a temporalidade, como novidade, as convocatorias que se realicen en execución destes decretos poderán incluír, ademais das prazas autorizadas no mesmo, un número de prazas adicionais para cubrir futuras vacantes derivadas de xubilacións a cargo das ofertas de emprego público dos anos 2025 e 2026.
A propia oferta publicada no DOG supón esgotar a taxa máxima de reposición permitida pola lexislación estatal, que é do 120 % no caso do Servizo Galego de Saúde e do 110 % no referido á Consellería de Sanidade.