Rueda anuncia que a Xunta aproba un plan para reducir agardas no eido da dependencia e a discapacidade e resolver as solicitudes en seis meses
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Resalta que as persoas solicitantes só terán que presentar un documento, xa que a propia solicitude contará coa información social e familiar suficiente para resolver, co se busca "reducir ao máximo a burocracia"
- A conselleira de Política Social e Igualdade indica que se unifican os procedementos de dependencia e discapacidade, que poderán solicitarse ao mesmo tempo e que se valorarán e resolverán de xeito conxunto
- Ademais, ás persoas con dependencia xa recoñecida que soliciten a discapacidade, esta resolveráselles de xeito automático por homologación
- Os plans de reforzo de persoal para as valoracións, cuxa vixencia remataba agora, amplíanse ata o ano 2027 e porase en marcha un plan de produtividade con incentivos económicos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o "Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade", dotado de 90 millóns de euros, e que busca entre outras cuestións reducir as esperas á hora de recibir unha prestación e garantir que ningunha persoa agarde máis de seis meses desde que presenta a solicitude e ata que se lle concede o servizo ou axuda necesaria.
Nesta liña e coa finalidade de axilizar ao máximo os trámites, Rueda explicou que se "vai reducir a burocracia e a partir de agora só haberá que presentar unha única solicitude" na que xa haberá a información familiar e social do solicitantes para poder resolvela coa máxima celeridade. Ademais, porase en marcha un asistente virtual que os guiará paso a paso na presentación de solicitudes electrónicas. A isto unirase o asesoramento no procedemento dos traballadores sociais dos concellos.
Tal e como explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, o plan contará con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.
Unificación e homologación
Outra das novidades "será a unificación dos procedementos de dependencia e discapacidade", indicou a conselleira. Así, poderase solicitar ao mesmo tempo e cunha única cita a dependencia e a discapacidade, que tamén se valorarán e resolverán de xeito conxunto, emitíndose ao mesmo tempo o recoñecemento do grao de dependencia, a aprobación do PIA e a porcentaxe de discapacidade.
Ademais, aplicarase unha homologación de dependencia á discapacidade. As persoas con dependencia recoñecida e que xa teñan neste momento solicitada a discapacidade recibirán no mes de xaneiro a resolución do seu certificado. Deste xeito, as de grao 1 terán recoñecido un 33% de discapacidade, as de grao 2, un 66% e as de grao 3, un 100%.
Non obstante, esta homologación será aplicable tamén ás persoas dependentes unha vez soliciten o seu certificado de discapacidade.
Este plan, tal e como explicou a conselleira, tamén inclúe a mellora do sistema de citación, "a través da posta en marcha dunha plataforma automatizada a través dunha mensaxe no móbil". O sistema de atención telefónica tamén se optimizará para consensuar coas familias as datas de valoración.
Os plans de reforzo de persoal para as valoracións, cuxa vixencia remataba agora, amplíanse ata o ano 2027. Isto supón continuar co reforzo de 107 profesionais. Ademais, en 2025 crearase unha xefatura de servizo de discapacidade nas catro provincias, o que redundará nunha mellor coordinación e planificación de todo o persoal. A isto sumarase a posta en marcha dun plan de produtividade con incentivos económicos.
Con este plan de axilización e simplificación, blindase o traballo dos servizos sociais de base, de xeito que se poidan centrar na atención directa das persoas ao ver rebaixada a carga de traballo burocrático. Este persoal ofrecerá un completo asesoramento sobre a presentación da solicitude e sobre os servizos e prestacións aos que teñen dereito, realizando o correspondente seguimento. Como novidade, poderán presentar vía electrónica a solicitude en nome da persoa solicitante.
Colaboración co Sergas
Outro dos avances que se introducirá no sistema é o establecemento dun protocolo de colaboración co Sergas, que permitirá a emisión do informe de saúde de xeito rápido e por vía electrónica.
O sétimo piar deste plan é o desenvolvemento dun programa de formación para os traballadores dos servizos de dependencia e discapacidade. Tamén para os dos centros de saúde e os dos concellos. Información sobre aspectos fundamentais como: os cambios introducidos na normativa, as actualizacións das aplicacións, as ferramentas dispoñibles para a información e asesoramento ou a presentación telemática das solicitudes.
Por último, porase en marcha unha comisión de seguimento do plan, que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral para avaliar a súa execución.
O obxectivo, tal e como resaltou Rueda, e "seguir mellorando na valoración e atención as persoas con dependencia e discapacidade". "Este Plan é unha posta decidida e ambiciosa para seguir reducindo os tempos de espera e achegar os servizos da dependencia a máis persoas", engadiu a conselleira.