A Xunta anuncia unha nova convocatoria da orde para financiar obras de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destaca hoxe no Parlamento galego que o importe das subvencións para o período 2025-2026 acada os 5M€, dos que o 60% se financia con fondos Feder
- A convocatoria 2024-2025 permitiu levar a cabo máis de medio cento de actuacións co obxectivo de colaborar cos concellos galegos nun maior aforro enerxético e económico nos edificios da súa titularidade
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta convocará unha nova convocatoria de axudas plurianual destinada a facilitar actuacións de eficiencia nas infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais en concellos de menos de 30.000 habitantes. A orde prevista para o período 2025-2026 contará cun investimento de 5 millóns de euros, cofinanciados nun 60% con fondos Feder.
Nesta liña, fixo balance da convocatoria destas axudas para 2024-2025 da que se beneficiaron más de medio cento de entidades locais que, grazas a este apoio, como sinalou a directora xeral, "puideron mellorar a eficiencia enerxética das súas casas do concello, casas da cultura, centros socioculturais, polideportivos, escolas e outros edificios da súa titularidade". Na provincia da Coruña hai 17 concellos beneficiarios, que se distribúen case 1,7 millóns, e na de Ourense 15 con case 1,5 millóns de euros financiados. En Pontevedra, 10 municipios recibiron algo máis dun millón de euros, e en Lugo en nove localidades repartíronse preto dun millón de euros.
A través destas axudas, os concellos beneficiados poden cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros. Así, fináncianse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas.
Tamén se apoian obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras é á climatización e calefacción, que pode incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.
Redución do consumo enerxético
Natalia Prieto lembrou que en Galicia os edificios son responsables do 30% do consumo enerxético e do 40% dos gases de efecto invernadoiro e, nesta liña, os concellos son propietarios de moitos deles ao contar cun amplo parque inmobiliario destinado á prestación de servizos á cidadanía. Precisamente esta orde de axudas contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.
Búscase tamén facilitarlles aos concellos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.
Fomento do galego da xustiza
Na comisión 1ª tamén interveu o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, para abordar as medidas do fomento do galego na administración xustiza de Galicia. Así, lembrou que o portal xurídico galego Lex.gal conta cunha completa base de datos que se actualiza de xeito constante con toda a lexislación ditada pola comunidade en galego. Con esta ferramenta ábrese á cidadanía a posibilidade de dispor, en rede e con contido actualizado, dun acceso á versión consolidada, actualizada e en galego de todas as normas ditadas desde 1981 pola comunidade, no marco da colaboración entre distintas institucións.
Co obxectivo de garantir o uso do galego nos procedementos xurisdicionais en toda a actuación, tanto oral como documental, José Tronchoni detallou outras medidas impulsadas polo Goberno galego como a disposición de equipos lingüísticos e de traducción, a edición de documentos xurídicos e a publicación de textos legais en galego, o desenvolvemento do programa de xestión LexNet para tramitar documentos tanto en galego como en castelán, o recoñecemento do coñecemento pola lingua propia como mérito nos concursos e na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración da Xustiza, ao que tamén se lle presta formación continuada neste ámbito e cursos de capacitación lingüística, ao igual que ocorre cos fiscais a través do convenio asinado este ano para ofrecerlles cursos de galego. Na mesma liña, na páxina de intranet de xustiza vaise adaptando a lexislación estatal á lingua galega e nos portais web de xustiza coma este e noutras aplicacións e programas tamén se emprega o galego.
Polo tanto, o director xeral incidiu en que "os órganos xudiciais da comunidade teñen as ferramentas precisas para o desenvolvemento do procedemento xudicial na lingua escollida polas partes e calquera persoa ten dereito a escoller ante os organismos de calquera xurisdición a lingua na que se desenvolverá o procedemento e a lingua das súas intervencións orais e escritas".