Rueda anuncia un paquete de axudas para 2025 por 5,9 M€ para garantir o equilibrio da fauna silvestre co sector primario e a ordenación cinexética e piscícola
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Explica que se destinará unha partida de 3,05 M€ para "compensar ataques de lobos, xabarís ou osos" e 2,5 M€ para apoiar ao sector na adopción de medidas preventivas
- Salienta que, no caso do lobo, resérvanse 2,06 M€ a tres liñas de axudas para accións de prevención e refórzase nun 50% o orzamento destinado a indemnizar aos afectados
- Tamén se convocarán incentivos para as entidades colaboradoras de pesca continental para vixiar tramos fluviais e promover actividades divulgativas e axudas aos titulares de Tecores para diversas accións en terreos e hábitats cinexéticos
- En total, a Xunta publicará nas vindeiras semanas 13 liñas de incentivos para cubrir actuacións, medidas e gastos que contribúan á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural, dotadas dun 34% máis de orzamento que as deste ano

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego convocará este mes 8 liñas de axudas, dotadas dun orzamento global de 5,9 millóns de euros para 2025, co fin de "previr e paliar os danos ocasionados pola fauna silvestre para garantir a súa convivencia coas actividades do medio rural, así como para apoiar a ordenación da actividade cinexética e piscícola na comunidade".
En concreto, o titular do Executivo autonómico indicou que se convocarán 3 ordes de axudas por un importe de 3,05 millóns de euros para "compensar ao sector primario cando sufra ataques de lobos, xabarís ou osos" (cun incremento do 45% respecto ao orzamento deste ano) e outras tres dirixidas a apoiar a gandeiros e agricultores no establecemento de medidas preventivas que protexan as súas explotacións fronte a estes animais, cun orzamento de 2,52 millóns de euros.
A partida máis importante, tal e como explicou Rueda, irá para as axudas de indemnización (911.268 euros) e de prevención (2,06 millóns) dos danos do lobo dirixidas a propietarios de gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA).
Como novidade, "increméntanse nun 10% os importes destinados a paliar os danos provocados polo lobo con respecto ao baremo de 2024". Cun 50% máis de orzamento que este ano, as contías oscilarán entre os 41,47 euros a percibir por un exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 2.858,57 euros por unha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade. Estes importes, en todo caso, poderán incrementarse tamén nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable.
De igual xeito, serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e por abortos derivados do acto de depredación e prevese un importe adicional, en concepto de lucro cesante, no caso de gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite.
Así mesmo, para previr os danos do lobo, "os interesados poderán acollerse a tres liñas de axudas diferentes que suman 2,06 millóns de euros", indicou o presidente da Xunta: unha para compra e manutención de cans protectores do gando, pastores eléctricos e cerrumes electrificados; outra para cubrir os custos de instalación de valados fixos, electrificados ou con malla metálica; e a terceira, para contratar persoas coidadoras do gando, unha liña que se convocou por primeira vez no ano 2023 e a través da cal os gandeiros poderán acceder a unha subvención de ata 18.000 euros e solicitar un anticipo do 50%.
Xabaril e oso
"No caso do xabaril, reservamos máis de 2,4 M€ en achegas", salientou Alfonso Rueda. Así, o orzamento das axudas para paliar os danos en explotacións profesionais ou terras de cultivo agrario para autoconsumo ascende a 2,02 millóns de euros, cun máximo de 2.750 euros por subvención, a mesma contía que este ano. Ademais, reservaranse 450.000 euros á convocatoria de incentivos para custear a adquisición de pastores eléctricos fronte a esta especie.
Por último, a Xunta destinará "uns 130.000 euros a compensar os danos ocasionados polo oso": 120.000 para indemnizar polos destrozos sobre colmeas, gando ou rolos de herba -unha contía que triplica os 38.000 euros inicialmente reservados en 2024 a esta orde de axudas-; e outros 10.000 euros á compra de material preventivo para protexer explotacións apícolas en concellos oseiros.
Por outra banda, as entidades colaboradoras de pesca continental terán acceso a axudas para a protección e conservación do medio fluvial. Dotadas con 50.000 euros, as accións subvencionables poderán ir dirixidas á vixilancia de tramos de pesca (cun límite de 9.360 euros) ou a promover actividades divulgativas e de formación (ata 2.500 euros).
No caso dos titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecores) a convocatoria de 2025 dirixida a este colectivo disporá dun orzamento de 270.000 euros, que se destinará a subvencionar actuacións que melloren os hábitats cinexéticos mediante labores de roza e trituración do mato ou fertilización e sementeira de cereal, entre outras (cun límite de 10.000 euros) e a construción de tobeiras artificiais (con axudas de ata 6.000 euros).
Biodiversidade e patrimonio natural
A Xunta convocará durante as vindeiras semanas un completo paquete de axudas dotado dun orzamento global de case 7,5 millóns de euros co obxectivo común de apoiar ao longo do ano 2025 diferentes tipos de accións que contribúan á conservación da biodiversidade e do patrimonio natural de Galicia.
Agrupadas en tres grandes bloques, serán en total 13 liñas de subvencións coas que se cubrirá unha parte ou o 100%, segundo cada caso, dos custos derivados de actuacións, medidas e investimentos realizados neste eido por parte de administracións locais, asociacións protectoras de animais, entidades de pesca continental, titulares de terreos cinexéticos ou cidadáns particulares e propietarios de explotacións agrogandeiras.
Deste xeito a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático daralle continuidade en 2025 ao esforzo que vén realizando nos últimos anos para apoiar a outras entidades e administracións no seu traballo en materia de conservación da flora e da fauna galegas e incrementará incluso os fondos destinados a tal fin, que crecen un 34% respecto das convocatorias realizadas este ano.