A Xunta salienta que a nova Lei de Recursos Naturais abre un "camiño diferencial" para unha nova política industrial e enerxética en Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no III Club APD Sustentabilidade, onde pon en valor esta norma para regular os instrumentos novidosos, seguir avanzando cara a descarbonización e xerar riqueza na Comunidade
- Subliña a importancia de promover unha política económica vencellada á atracción de empresas, a aumentar o peso industrial, e ao aproveitamento dos recursos naturais e o desenvolvemento enerxético de Galicia
- Destaca o papel que está a xogar a nova Oficina Económica de Galicia, que ofrece ao tecido empresarial unha nova forma de relacionarse "máis áxil, máis próxima e máis sinxela"
- Resalta a aposta pola innovación a través da rede de aceleradoras que inclúe a nova Business Factory Ambiental (Clima-Tech), que se suma ás BFAuto, BFFood e BFAero, e tamén a aceleradora multisectoral de ViaGalicia
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou no III Club APD Sustentabilidade que a nova Lei de Recursos Naturais de Galicia, recentemente aprobada, representa un "camiño diferencial" para a configuración dunha política industrial e enerxética adaptada ás necesidades da comunidade.
Neste sentido, Toca Carús subliñou que esta normativa sentará as bases para avanzar na descarbonización, xerar riqueza no territorio e fortalecer a autonomía estratéxica de Galicia. Segundo explicou, a lei xorde co obxectivo de "asegurar a xestión responsable dos recursos naturais de Galicia de maneira que se protexa o ambiente, se cree riqueza e a riqueza creada impacte no territorio".
A directora fixo fincapé na importancia de que os beneficios derivados do aproveitamento dos recursos naturais queden na comunidade, contribuíndo a mellorar as condicións de vida da poboación galega.
A nova normativa, destacou Toca Carús, permitirá organizar territorialmente Galicia desde un punto de vista enerxético e industrial, aproveitando as sinerxías entre ambos sectores. Ademais, sinalou que este marco xurídico regula instrumentos novidosos, pioneiros no ámbito estatal, que favorecen o desenvolvemento sustentable. "Galicia conta cos recursos naturais, polo que debemos asegurarnos de que tamén contamos cos beneficios que estes recursos achegan," afirmou.
Entre os beneficios sociais e económicos que a lei promove, a directora mencionou a creación de emprego, a protección ambiental, o fomento de novas inversións e a redución dos custos enerxéticos para consumidores e industrias. Tamén subliñou que esta normativa sitúa a Galicia á vangarda das estratexias que buscan fortalecer a resiliencia fronte a crises globais recentes.
A Oficina Económica de Galicia
Covadonga Toca aproveitou o encontro para destacar o traballo do Igape no acompañamento ao tecido empresarial galego, reforzando as súas capacidades de apoio para 2025. Indicou que o organismo continuará impulsando unha política económica centrada na atracción de empresas, o aumento do peso industrial e o desenvolvemento enerxético. Ademais, mencionou a nova Oficina Económica de Galicia, que desde o pasado mes de abril ofrece unha "nova forma de relacionarse co tecido empresarial, máis áxil, máis próxima e máis sinxela".
"Calquera persoa ou empresa que queira apostar por Galicia debe saber onde acudir. A Oficina Económica é ese punto singular de contacto para facilitar información, asesoramento, apoio e acceso a financiamento," explicou, destacando o enfoque personalizado e interdisciplinar deste servizo.
Así mesmo, outro punto salientable foi a aposta pola innovación, que Toca Carús vinculou coa sustentabilidade. Neste marco, puxo como exemplo a creación da Business Factory Ambiental (Clima-Tech), unha nova aceleradora de startups destinada a proxectos de impacto ambiental positivo, cun orzamento de máis de 6 millóns de euros. "Esta iniciativa súmase ás aceleradoras existentes, como BFAuto, BFFood e BFAero, e reforza o compromiso da Xunta con modelos produtivos innovadores e respectuosos co medio," sinalou.