A Xunta levará este nadal propostas culturais en galego a unha trintena de concellos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presenta a programación para a época festiva con actividades que inclúen teatro, música, maxia ou monicreques
- A isto súmase a xira de Nadal dos Bolechas ou as iniciativas que acollerá a Cidade da Cultura ata o 6 de xaneiro

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a programación de Nadal en Rede, a campaña de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia e que celebra a súa décimo terceira edición achegando propostas de lecer en galego a unha trintena de concellos durante a época festiva.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que estivo acompañado polas compañías artísticas que participan, explicou que nesta iniciativa "búscase propor alternativas de ocio para todos os públicos, tanto cativos como adultos". Neste senso, sinalou a importancia de "que a cidadanía poida gozar durante estas festas de diversas actividades na nosa lingua".
Por outra banda, Valentín García explicou que a esta programación súmase a xira de Nadal dos Bolechas ou as actividades que se desenvolverán na Cidade da Cultura ata o 6 de xaneiro e que inclúe obradoiros, unha instalación de inspiración viquinga ou a experiencia Galiverso. Deste xeito, salientou que ademais desta ampla selección de plans culturais, a Administración autonómica tamén ofrece recursos dixitais para cantar panxoliñas en galego ou modelos para escribir a carta aos Reis Magos, entre outros, "todos eles co obxectivo de promover o uso do galego cos máis pequenos".
Iniciativas culturais en 32 concellos
Nadal en Rede ofrecerá oito propostas distintas de teatro, música, monicreques ou maxia. As primeiras citas serán o domingo 15 de decembro, en Pontedeume, con Meco e sono, un espectáculo para os máis cativos da casa, que tamén percorrerá os concellos de Vilaboa, Santa Comba e Nigrán. Ese mesmo día, Ponteareas recibirá a mostra musical A lingua somos todos, que durante as festas visitará Ponteceso, Ribadavia, O Rosal e Bóveda.
Outros plans para o público infantil e familiar son A árbore dos desexos, de Pillaband, que ofrecerá un relato musicado nos concellos do Porriño, Padrón, Vigo e Mondoñedo, ou a obra A pita xefa, que visitará Silleda, Ramiráns, Moaña e Tomiño.
Tamén para a cativada e as súas familias son os espectáculos Desconcertos de Nadal, fará parada en Soutomaior, Salvaterra, Outes, Teo e Santiso, e Mil maxias máis que ofrecerá unha xornada de xogos e ilusionismo en Lalín, Burela e Barro.
Por último, os monecos Fuco e Xela porán a bailar á cativada de A Bola, Brión, Meaño e Lalín con Xa é Nadal cos Piñeiriños e a actividade Ves como sabes? Visitará O Carballiño, Gondomar, Cangas e Oleiros.
A información coas datas exactas, lugares e horas pode consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.