A Xunta destina case 8,5M€ a unha vintena de infraestruturas de carácter estratéxico coas axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ao abeiro desta medida, finánciase ata o 50% do importe dos proxectos municipais, cun límite de 700.000 euros
- O Goberno galego renovará o próximo ano esta liña de acción cunha contía similar
- Só neste 2024 destináronse máis de 32M€ á execución de case 700 proxectos municipais a través de subvencións específicas en apoio ao eido local
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 27 de novembro de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a comarca do Salnés para coñecer as melloras previstas co apoio da Xunta na estación de tratamento de auga potable (ETAP) situada en Vilanova de Arousa e que abastece o Salnés. O proxecto presentado pola Mancomunidade do Salnés é un dos 20 beneficiarios das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinado a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. Tal e como confirmou Diego Calvo, a Xunta mantén o compromiso cos concellos con esta liña, dotada con 8,5 millóns de euros e que se renovará o próximo ano cunha contía similar.
As obras previstas no Salnés, presupostadas en preto de 860.000 euros, contarán cunha achega de case 430.000 euros por parte da Xunta, o que supón a metade do investimento. De feito, o orzamento mínimo dos proxectos beneficiarios nestas subvencións é de 500.000 euros e o financiamento da Xunta pode chegar ata o 50% do importe total, co límite de 700.000 euros por cada proxecto estratéxico.
Os proxectos beneficiarios céntranse en infraestruturas hidráulicas, culturais, deportivas, de mobilidade e accesibilidade e para servizos sociais. No caso da iniciativa prevista na Mancomunidade do Salnés, enmárcase nas obras hidráulicas, coa dotación dun novo sistema de bombeo alimentado por unha planta fotovoltaica. Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é garantir a cobertura do consumo, con puntas destacadas pola importancia turística da área, e facelo ademais de maneira eficiente e sostible desde o punto de vista enerxético.
Os outros proxectos en infraestruturas hidráulicas beneficiarios céntranse na mellora no saneamento da EDAR de Arteixo e da eficiencia enerxética da EDAR de Verín. Deste xeito, o investimento conxunto nas tres obras por parte da Xunta suma 1,3 millóns de euros.
Pola súa banda, as melloras en instalacións deportivas supoñen a maior contía desta liña de apoio, con máis de 3,6 millóns de euros que se destinan aos concellos pontevedreses de Baiona, O Rosal, Salvaterra de Miño, Marín e Bueu, xunto con Ribadavia e Cortegada, en Ourense, e Oroso, na Coruña. Foméntase así a práctica do deporte e a mellora da calidade de vida da cidadanía.
A segunda contía máis elevada corresponde ás infraestruturas de servizos sociais con case 1,6 millóns de euros a tres proxectos: unha escola infantil en Padrón e outra no Porriño co obxectivo de favorecer o asentamento da poboación, e a sede da Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ordes.
Na categoría de mellora de infraestruturas de mobilidade e accesibilidade figuran os proxectos nos municipios pontevedreses de Meaño, Moraña, Poio e Soutomaior cun montante de 1,1 millóns de euros. Nesta modalidade agrúpanse proxectos para a humanización, recuperación e mellora de espazos públicos e de infraestruturas viarias con sendas peonís ou carrís-bici o que tamén se aliña co compromiso da Xunta por unha mobilidade sostible.
Por último, os 542.000 euros destinaranse a reformas no mercado cultural de Fisterra e do edificio Pazo da Cultura como medios para a promoción ou para a consolidación de novos centros de referencia a nivel comarcal.
Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, no marco desta medida, considéranse estratéxicos os proxectos nas infraestruturas locais que sexan fundamentais ou decisivos para a mellora dos servizos, para o desenvolvemento social ou para o equilibrio territorial e teñan repercusión no ámbito supramunicipal ou comarcal.
Tamén teñen esta consideración os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito local ou comarcal, que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial da zona, así como os que desenvolvan investimentos en infraestruturas previstos nun plan estratéxico aprobado pola entidade local.
Máis de 32M€ en case 700 actuacións
A Xunta mantén o compromiso cos concellos galegos e só neste ano distribuíronse máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipios mediante as liñas de axudas específicas, como a Orde de infraestruturas de uso público, o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca esta liña dirixida a proxectos estratéxicos. Dos 303 concellos solicitantes, 292 -máis do 90%- percibiron axudas.
En 2025 os municipios verán incrementado o apoio que supón o Fondo de Cooperación Local ascenderá ata os 168 millóns de euros -co fondo base e o adicional-, 10 millóns máis que neste exercicio, un 6,3% por riba da suba media das contas autonómicas. Ademais, o fondo base do FCL incrementarase en 5,4 millóns de euros, que se repartirán entre os concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen menos ingresos, os que máis dependen das transferencias doutras administracións e os que teñen menos capacidade de aforro.
A través do FCL, a Xunta trata de compensar o desfase que ocasionan as particularidades dos municipios galegos como son a demografía ou a dispersión xeográfica. Por iso, o Goberno galego vén reclamando ao Executivo estatal a definición dun novo modelo de financiación autonómica que teña en conta as particularidades de cada territorio.