Galicia actualiza a súa guía pioneira sobre a abordaxe en atención primaria das disfuncións do solo pelviano feminino
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Nos últimos sete anos o Servizo Galego de Saúde suma máis de 31.000 consultas de matrona dentro deste programa
- A nova guía inclúe un programa individualizado de reeducación do solo pelviano para realizar no domicilio e con seguimento da matrona
- Inclúense propostas de intervención comunitaria dirixidas a colectivos con maior risco de padecer disfuncións como mariscadoras, labregas, cantantes ou monitoras de deportes
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, adiantou a actualización da Guía de apoio ao programa de abordaxe das disfuncións de solo pelviano feminino en atención primaria do Servizo Galego de Saúde, durante a súa intervención na inauguración das XVII Xornadas de saúde perinatal e reprodutiva que acolle hoxe a Escola Galega de Administración Pública.
Este programa é pioneiro a nivel nacional xa que en ningunha outra comunidade autónoma se fai unha abordaxe deste tipo de disfuncións de forma conxunta entre matrona e fisioterapeuta.
A nova guía inclúe unha proposta de exercicios que facilitará a programación de sesións de grupo (sesións de preparación ao parto, sesións de recuperación posparto, de disfuncións do solo pelviano ou de menopausa). Ademais, recóllese un programa individualizado de reeducación do solo pelviano que a muller realizará no domicilio e cuxo seguimento será supervisado pola súa matrona.
A actualización da guía tamén contempla unha proposta de intervención comunitaria dirixida a colectivos singulares de mulleres con maior risco de padecer unha disfunción do solo pelviano, como mariscadoras, labregas, monitoras de deporte ou cantantes.
Desde o ano 2017 máis de 20.000 mulleres se beneficiaron da posta en marcha deste programa. Realizáronse máis de 31.000 consultas de matrona. Das 20.000 mulleres atendidas, máis de 1.500 foron tratadas por fisioterapeutas de atención primaria (con arredor de 9.000 consultas) e máis da metade das pacientes melloraron as súas disfuncións, sen precisar ser derivadas ao hospital para resolver o problema.
Máis de 250 profesionais asistentes
Nas xornadas sobre saúde perinatal e reprodutiva participaron máis de 250 profesionais da sanidade pública galega, principalmente matronas, enfermeiras doutras especialidades, técnicas en coidados auxiliares de enfermaría, fisioterapeutas e profesionais de psicoloxía e de distintas especialidades médicas como xinecoloxía e obstetricia, pediatría e medicina familiar e comunitaria.
O programa, entre outros temas, abordou nunha mesa redonda o impacto emocional nas mulleres que reciben un resultado positivo de virus do papiloma humano (VPH), no marco do programa de cribado que mantén a Dirección Xeral de Saúde Pública nas sete áreas sanitarias.
A pesar de que a maioría das infeccións por VPH son transitorias e non evolucionan cara ao cancro, recibir esta noticia pode xerar ansiedade, medo e confusión nas pacientes. Por iso, subliñouse a importancia dunha comunicación entre médico e paciente que sexa clara e sensible, con apoio e recursos educativos que axuden a desestigmatizar o diagnóstico.