Medio Rural abre mañá en Vigo o primeiro Mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O espazo permanecerá aberto ata o vindeiro domingo, en horario de mañá e tarde, no Peirao do Areal, cunha ampla oferta de produtos de calidade diferenciada adscritos á marca Artesanía Alimentaria e un completo programa de actos de carácter lúdico
- Este mercado é o primeiro dos catro organizados pola Xunta nestas datas, un por cada provincia galega; o resto son os de Ribadavia, do 6 ao 8 de decembro; o de Lugo, do 13 ao 15 de decembro e o de Santiago de Compostela entre o 20 e o 22 de decembro
- O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, polo que as expositoras nestes mercados serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos dos diferentes sectores
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024
Mañá venres ás 13,00 horas abrirá as súas portas en Vigo o Mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria organizado pola Consellería do Medio Rural. Este espazo, que se localizará no Peirao do Areal, permanecerá aberto ata o vindeiro domingo, en horario de mañá e tarde (de 11,00 a 14,30 horas e de 16,00 a 20,30 horas), cunha ampla oferta de produtos de calidade diferenciada adscritos á marca Artesanía Alimentaria (a!) e un completo programa de actos de carácter lúdico.
Así, mañá venres a partires das 13,15 horas celebrarase o evento Por amor ao a!rte. Romances de mesa: Harmonías de queixo e sidras artesás, coa participación de O Rexo, A Meixoeira e Adega Pedro Leivas. A seguir, ás 14,00 horas, haberá un sorteo dun lote de produtos a!, que se repetirá á mesma hora o sábado e o domingo, e tamén a última hora de cada xornada, antes do peche das instalacións. O programa do venres completarase pola tarde con teatro familiar, unha merenda con a!rte e un espectáculo de maxia. Ademais, contra as 18,30 horas está prevista a visita de Papá Noel, que será amenizada con chocolate quente de a!.
Programa do sábado e o domingo
O sábado os actos empezarán ás 11,45 horas, con Almorzos feitos con a!mor. Presentará o chef Diego Domínguez e participarán Mel de Liñares, Queixos Castelo e Trasdeza Natura. A continuación haberá Táboas con a!rte, queixos embutidos e máis de Artesanía Alimentaria, neste caso coa participación de Cienporcel, Gandaría Quintián e Cerveza Menduiña. Xa pola tarde terá lugar unha nova representación de teatro familiar e despois a!rte Doce, unha Jam Session de postres con Artesanía Alimentaria, coa participación de Xacobleas e Doce Bágoa. A maiores, ás 19,00 horas celebrarase Música no Mercado, con Broken Peach e o seu show de Nadal.
A xornada do domingo comezará ás 11,45 horas con Os inseparables de Artesanía Alimentaria, evento no que participarán Caurelor e Biostore. Ás 13,00 horas será a quenda de Embutidos Valentina e Mamá Teresa, dentro de Artesanía Alimentaria a!uténtica. Pola tarde, o programa abrirase cun novo espectáculo de teatro e maxia para todos os públicos. Logo celebrarase Sorpréndete con a!, un obradoiro de elaboración de xeado con queixo artesán. O peche da xornada, antes do sorteo de produtos artesáns, terá lugar ás 19,00 horas con Monólogos a! Leti da Taberna, a galetiktoker taberneira.
Ademais, ao longo dos tres días nos que permanecerá aberto este mercado, haberá unha zona infantil con actividades para os máis cativos, como un obradoiro de postais e chapas de Nadal, talleres de Artesanía de Galicia e tatuaxes e maquillaxe de Nadal.
Catro mercados de Nadal
Este mercado de Nadal en Vigo é o primeiro dos catro organizados pola Xunta nestas datas, un por cada provincia galega. Así, o resto serán os de Ribadavia, do 6 ao 8 de decembro; o de Lugo, do 13 ao 15 de decembro e o de Santiago de Compostela entre o 20 e o 22 de decembro.
O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o selo de calidade diferenciada Artesanía Alimentaria, polo que as expositoras nestes mercados serán pequenas empresas que elaboran e comercializan produtos acollidos dos diferentes sectores para os que se conta coa correspondente norma técnica.
A actividade ponse en marcha nas semanas previas ao Nadal porque estas datas son un bo momento para facer promoción dos produtos alimentarios e, nomeadamente, dos de calidade, xa que hai un maior consumo e a cidadanía está disposta a facer un maior esforzo económico na cesta da compra para celebrar as festas. Considérase, xa que logo, que a organización de mercados en lugares con boa concorrencia de persoas consumidoras e onde estas poidan mercar sen intermediarios estes produtos é unha moi boa opción.
Os mercados, que terán un custo en conxunto de arredor de medio millón de euros, enmárcanse no "Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia" que anunciou a propia conselleira do Medio Rural na súa comparecencia no Parlamento para presentar o orzamento do seu departamento de cara ao ano 2025.