Máis de 20 concellos da Coruña benefícianse da orde de equipamento para Protección Civil da Xunta
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou a agrupación de voluntarios e voluntarias de Arteixo, que recibe un kit de ferramentas eléctricas ao abeiro desta liña de axudas
- A Xunta investiu nos últimos anos máis de 24 millóns de euros en apoio ao funcionamento, á dotación de equipamento e á formación para estes servizos de emerxencias municipais
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Arteixo (A Coruña), 19 de novembro de 2024
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Arteixo, un dos concellos beneficiados pola orde equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de Protección Civil. No conxunto da provincia da Coruña hai 24 concellos beneficiados, que recibirán material que representa un investimento de case 76.000 euros.
Así, ao abeiro desta liña de axudas, Arteixo, recibiu un kit de ferramentas eléctricas. Cédeselles este mesmo material a Boiro, Cambre, Oleiros, Miño e Padrón. Pola súa banda, Ames, Bergondo, Betanzos, Carballo, Malpica de Bergantiños, Muxía, Narón, A Pobra do Caramiñal e Ribeira reciben kits de material loxístico e seguridade viaria, e Laxe Ponteceso, Teo, Trazo Vilasantar e Zas tendas de campaña para emerxencias.
No conxunto de Galicia son 87 os municipios beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027. Segundo indicou o director xeral, esta liña de axudas enmárcase no compromiso do Goberno galego con estas entidades, ás que presta apoio tanto para o seu funcionamento como para equipamento.
Máis de 200.000€ investidos en Arteixo
Concretamente a agrupación de Arteixo, que conta con máis de 30 efectivos, recibiu nos últimos anos achegas para a actividade que suman preto de 40.000 euros e dotacións presupostadas en case 164.000 euros. Nestas últimas figuran dúas embarcacións, unha moto acuática e dous vehículos -un pick up e un furgón-, ademais de materiais como equipo de excarceración material loxístico de seguridade viaria ou unha carpa, entre outros.
A orde de equipamento, cuxa resolución se publicou a comezos de mes no Diario Oficial de Galicia, forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do material necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, pese a que estes son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade. Así, as diferentes liñas de axuda coas que contan supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.
Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.
A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.