José González pon a simplificación das axudas específicas para autónomos como exemplo do compromiso da Xunta con este colectivo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Expuxo que se unificarán nunha orde de 40 millóns de euros proxectada para o 2025 e que é unha medida sobre a que se avanza no marco da Mesa do Traballo Autónomo
- Salientou os máis de 32 millóns de euros proxectados o vindeiro ano para impulsar o emprendemento, con especial apoio ás persoas traballadoras por conta propia
- Apelou a seguir traballando da man entre o Goberno galego e o sector no deseño de medidas enfocadas a favorecer a remuda xeracional e a reter talento mozo para o que no vindeiro ano o Executivo galego lanzará a Estratexia mocidade activa
- Fixo fincapé no peso do colectivo de autónomos na comunidade galega sobre o total de afiliados, destacando que está tres puntos por riba da media estatal
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Sanxenxo (Pontevedra), 9 de novembro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a aposta do Goberno galego por facilitar o labor das persoas traballadoras autónomas e puxo como exemplo a simplificación para 2025 nunha única orde de 40 millóns de euros das axudas específicas para este colectivo. Trátase dunha medida, expuxo, sobre a que se avanza no marco da Mesa do Traballo Autónomo, ferramenta que a Xunta seguirá potenciando no 2025.
Así o destacou na entrega dos galardóns a traballadoras e traballadores autónomos distinguidos no marco do XIV Congreso das persoas traballadoras autónomas da Asociación intersectorial de autónomos/as e pequenas empresas de Galicia, APE, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén.
Alí, tamén puxo de relevo os máis de 32 millóns de euros proxectados o vindeiro ano para impulsar o emprendemento, con especial apoio ás persoas traballadoras por conta propia e co fin de atraer colectivos como a xente nova ou as galegas e galegos retornados da diáspora. Neste campo, destacou o papel da Rede de polos de emprendemento, que leva asesorado arredor de 2.800 proxectos e á que se unirá proximamente o Polo de Vilanova de Arousa.
Ademais, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración apelou a seguir traballando da man entre a Xunta e o sector no deseño de medidas enfocadas a favorecer a remuda xeracional e a reter talento mozo para o que no 2025 o Executivo galego lanzará a Estratexia mocidade activa.
Outras liñas estratéxicas co foco neste colectivo ás que se referiu, son a mellora da empregabilidade para atender as necesidades do tecido empresarial, favorecer con achegas específicas a contratación por parte dos autónomos das persoas con máis dificultades, o reforzo da formación con novas ferramentas como a Academia de formación para autónomos ou a potenciación do comercio local co Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que se presentará no primeiro trimestre do vindeiro ano.
Peso do colectivo de autónomos e APE Galicia
José González tamén fixo fincapé no peso do colectivo de autónomos na comunidade galega sobre o total de afiliados, destacando que está tres puntos por riba da media estatal. A isto engadiu que o 98 % do tecido empresarial está composto por pequenas empresas. Nesta liña, salientou o papel de APE Galicia e o seu traballo a prol das persoas traballadoras autónomas e felicitou e agradeceu o labor das persoas e iniciativas premiadas no evento de hoxe.