López Campos avanza no Pacto pola lingua cunha xuntanza co Consello da Cultura Galega
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O representante da Xunta considera "esencial facer partícipes ás entidades relevantes na sociedade para enriquecer este proceso con novas achegas"
- Esta reunión dálle continuidade aos primeiros contactos mantidos hai días cos grupos parlamentarios e que proseguirán nas vindeiras semanas
- A esta rolda de consultas sumaránselle a Real Academia Galega, a Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, no marco das xuntanzas que está a manter para avanzar no Pacto pola Lingua, un proceso, apuntou o representante da Xunta, "no que consideramos esencial facer partícipes a distintas institucións relevantes na sociedade que poden aportar achegas de grande interese a esta folla de ruta para impulsar o galego".
Así, a reunión dálle continuidade aos primeiros encontros que xa se produciron cos grupos parlamentarios, e que se volverán retomar nas vindeiras semanas, encamiñados a acadar o consenso sobre as liñas de actuación que permitan reforzar a presenza da lingua en todos os eidos. Neste senso, tal e como lembrou López Campos, ao Consello da Cultura Galega seguiranlle conversas coa Real Academia Galega e con outras entidades como a Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades.
Con estes movementos, indicou o responsable autonómico de Lingua, "estamos ante un momento único para unir forzas e traballar en conxunto polo prestixio da nosa lingua, demostrando o compromiso de todos e todas polo noso maior tesouro". Un traballo que, recordou, parte dun documento que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa propuxo ás formacións políticas na toma de contacto inicial e que tamén lle presentou á presidenta do Consello da Cultura Galega tendendo unha ponte, dixo, para "enriquecelo con novas propostas que, a bo seguro, van ir en beneficio do galego e da sociedade".
Deste xeito, desde a Xunta deseñáronse unha serie de liñas clave que teñen por obxectivo chegar a un Pacto pola Lingua, sobre as que se irán artellando novas accións ao longo dos próximos meses. Así, o punto de partida contempla: a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30% da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e seguir as recomendacións da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como referencia.
As primeiras medidas
Desde principios de outubro, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha unha campaña que, baixo o lema Saca a lingua que levas dentro, convida a facer uso do galego máis alá do alto nivel de coñecemento e competencias que do idioma, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, ten a maioría da poboación. Esta é só unha das propostas que compoñen un extenso plan de medidas a prol da concienciación, dinamización e impulso da lingua.
Os seguintes pasos, sobre os que xa se leva traballando hai tempo e que se desenvolverán nos vindeiros meses, abranguen accións centradas no eido dixital, outras enfocadas nas persoas chegadas do exterior e ao fenómeno do neofalantismo, así como iniciativas dirixidas á mocidade ou a reforzar a presenza do galego en diferentes sectores profesionais e diversos ámbitos da sociedade.
Neste senso, cómpre sinalar a posta en marcha o ano que vén de máis de 100 cursos de cultura e lingua galegas para persoas non nacidas en Galicia, ademais de grupos de voluntariado lingüístico para organizar conversas e propostas de traballo colaborativo coas asociacións de distintas comunidades asentadas en territorio galego. A isto, engádense outros cursos centrados en distintos ámbitos profesionais, como o sanitario, e propostas como actividades para incentivar a lingua na escola.
Pola súa parte, as persoas que deciden falar galego cando a súa lingua nai foi outra teñen á súa disposición o portal neofalantes.gal, onde, máis alá de atopar un punto informativo, tamén poden interactuar a modo de rede social para dar testemuños e compartir experiencias sobre o proceso. Ademais, no eido dixital tamén destaca o Proxecto Nós, unha das propostas máis ambiciosas a prol do galego que avanza para situalo nun medio esencial hoxe en día, de maneira que estea presente en todas as plataformas tecnolóxicas.
Ano Castelao no 2025
Durante a reunión, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e a presidenta do Consello da Cultura Galega tamén tiveron oportunidade de dialogar sobre a proposta de declarar no 2025 o Ano Castelao, que onte anunciaba López Campos no Parlamento.
A iniciativa, tal e como apuntou o representante da Xunta, sitúase tamén no marco de actuacións para incentivar e darlle valor á lingua "uníndonos ao redor dunha figura clave para a nosa identidade", resaltou. Así, engadiu, "ademais de conmemorar o 75 aniversario do nacemento do intelectual, temos por diante un ano de oportunidades para a nosa lingua, a nosa historia e nosa cultura".