Gómez Caamaño salienta que o proxecto pioneiro 'Reduce Radon' consolida Galicia como referente na loita contra o cancro de pulmón
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A Dirección Xeral de Saúde Pública deseñou un plan estruturado en cinco eixes co obxectivo de reducir os niveis de radon no período 2025-2030
- Identificar e medir os niveis deste gas en distintas zonas de Galicia, deseñar medidas colectivas de protección da saúde ou a vixilancia epidemiolóxica da súa incidencia serán algunhas das actuacións que se desenvolverán
- Implantarase un sistema de recollida de información que permita incorporar á historia clínica dos pacientes os niveis de exposición ao radon
- A exposición ao gas radon en Galicia é a primeira causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras
- O radon é responsable de entre un 10 e 15% dos casos totais de cancro de pulmón en Galicia, chegando a causar ata un 7% das súas defuncións

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá no acto de presentación da Estratexia Galega Reduce Radon, a pioneira iniciativa coa que a Xunta fará fronte aos problemas de saúde que derivan da exposición a este gas.
Acompañado pola secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, e pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o titular de Sanidade salientou o compromiso do Executivo galego na loita contra o cancro de pulmón. Precisou que a inhalación de gas radon é a primeira causa de cancro de pulmón en persoas non fumadoras.
Gómez Caamaño apuntou que a exposición a este gas é responsable de entre un 10 e 15% dos casos totais de cancro de pulmón en Galicia, chegando a causar ata un 7% das súas defuncións.
Por este motivo, e coa intención de facer fronte a un importante problema de saúde pública, no que Galicia é a comunidade española máis afectada debido a súa composición xeolóxica, a Dirección Xeral de Saúde Pública deseñou unha estratexia pioneira a nivel nacional para reducir os niveis de radon no período 2025-2030.
Segundo precisou o conselleiro, a Estratexia Galega Reduce Radon artellarase ao redor de cinco eixes de actuación nos que se desenvolveran medidas específicas.
En primeiro lugar, buscarase identificar os niveis deste gas en distintos lugares da comunidade para facilitar o deseño de medidas de protección colectivas. Para isto, realizaranse medicións en centros educativos e sanitarios, fomentando tamén a medición dos fogares e centros de traballo privados.
O segundo dos eixes centrarase na vixilancia epidemiolóxica e da saúde para orientar dun xeito máis eficaz a prevención de riscos e realizar así unha planificación e avaliación sanitaria. Con esta finalidade, implantarase un novo sistema de recollida de información sobre a exposición ao radon para, de seguido, incorporalo á historia clínica dos pacientes.
Outro dos apartados fundamentais que contempla a Estratexia galega reduce radon será a xestión do coñecemento sobre os efectos na saúde deste gas, co ánimo de conseguir a integración de todos os sectores implicados, procurando solucións holísticas. Nesta liña, impulsarase a investigación interdisciplinar en colaboración coas universidades galegas.
En cuarto lugar, prestarase especial atención ao desenvolvemento dunha comunicación eficaz co deseño dun Plan informativo sobre os riscos para a saúde, e para o que se elaborarán novas guías para reducir a exposición nas edificacións máis vellas.
Por último, o quinto eixe atenderá a xestión do risco da exposición ao radon coa creación dunha comisión interdepartamental que, adscrita á Dirección de Saúde Pública, coordinará todas as políticas públicas vencelladas a esta temática.
Creación da Oficina Técnica de Control do Radon
Durante o acto desta mañá, Gómez Caamaño tamén avanzou que a Xunta ten previsto crear a Oficina Técnica de Control do Radon, un ente que se encargará de poñer en marcha todas as medidas anteriormente citadas.
A Estratexia galega reduce radon insírese dentro da liña de acción global que está a levar a cabo a Xunta para combater o cancro de pulmón, e na que destacan iniciativas como o Plan Inspira Saúde ou o proxecto piloto do cribado poboacional de cancro de pulmón,
Todas estas actuacións, incidiu o conselleiro de Sanidade, perseguen un obxectivo claro, como é o "reducir as taxas do cancro de pulmón en Galicia", ao tempo que "se protexe a saúde dos cidadáns e se mellora a súa calidade de vida".