O conselleiro de Sanidade subliña que o Novo Montecelo será o primeiro hospital público de Galicia con todos os quirófanos dixitalizados
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Remarca que os orzamentos da Xunta de 2025 reservan 30 M€ para equipamento do novo hospital
- Concreta que o investimento destinado a equipar a área cirúrxica superará os 7,2 M€
- Reitera o compromiso da Xunta co cumprimento do Plan funcional do Novo Montecelo e sinala que os primeiros servizos do Hospital Provincial migrarán cando estea rematado o novo edificio
- Sinala que os traslados comezarán polos servizos de urxencias pediátricas, pediatría, partos, obstetricia, xinecoloxía, neuroloxía, medicina interna e oncoloxía
- Explica que a segunda fase das obras consistirán na reforma do actual Montecelo e que o traslado do Provincial se completará unha vez estea finalizada
- A Xunta está a investir preto de 170 M€ nas obras de ampliación do novo hospital público de Pontevedra

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou que o hospital Novo Montecelo será o primeiro hospital público de Galicia con todos os quirófanos dixitalizados. Así o remarcou esta tarde no Pleno do Parlamento de Galicia, onde detallou os beneficios para os pacientes.
Gómez Caamaño explicou que a dixitalización completa da área cirúrxica permitirá a interconexión dos diferentes equipos xeradores de imaxe no quirófano; a transferencia de imaxe e son fóra do propio quirófano; e a integración dos datos na historia clínica electrónica IANUS e outros sistemas corporativos.
Para facelo posible, os orzamentos da Xunta de 2025 recollen un investimento de 30 M€ para a primeira fase de adquisición de equipamento do hospital público de Pontevedra.
Deles, máis de 7,2 M€ investiranse no equipamento da área cirúrxica do Novo Montecelo. Así, para a dixitalización da área cirúrxica resérvase unha partida de case un millón e medio de euros na tecnoloxía precisa.
Plan funcional
O conselleiro de Sanidade insistiu en que a Xunta mantén o seu compromiso co Hospital Novo Montecelo e cumprirá integramente o plan funcional previsto.
A primeira fase, na que a Xunta está a investir 170 M€ e que afronta a última fase da súa execución, contempla a construción dos novos edificios de Montecelo e a conseguinte migración dos primeiros servizos do Hospital Provincial cando estean construídos.
Segundo detallou Gómez Caamaño, algúns destes servizos serán as urxencias pediátricas, pediatría, partos, obstetricia, xinecoloxía, neuroloxía, medicina interna ou oncoloxía.
Na segunda fase procederase á reforma do actual Montecelo co obxectivo de adecuar as instalacións para outras especialidades que, mentres, permanecerán no Hospital Provincial, como na actualidade.
O conselleiro de Sanidade aclarou que o mantemento de determinados servizos no Hospital Provincial ata que estea reformado o actual Montecelo "non é ningún drama nin ningunha sorpresa. Todo o contrario, trátase de facer as cousas ben, conforme ao planificado e pensando no futuro e non ás présas".
Para cumprir co previsto no Novo Montecelo, os orzamentos da Xunta de 2025 contan con máis de 41 M€ destinados a rematar as obras e avanzar nas actuacións do aparcadoiro e da nova cafetería.
De feito, este mesmo luns o Diario Oficial de Galicia publicou a memoria xustificativa da proposta de estrutura de custos da proposta necesaria para comezar a materializar o aparcadoiro. Crearanse 892 prazas, cunhas tarifas accesibles, cun primeiro tramo de balde, de maneira semellante ao aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro, ademais de bonos para os traballadores.