A Xunta iniciará a ampliación do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para converterse en centro de alto rendemento
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- Diego Calvo destacou que se darán os primeiros pasos para manter a excelencia do deporte de alto nivel con cifra récord de deportistas recoñecidos actualmente
- A Xunta reforza a asistencia xurídica gratuíta con 15M€ para aboar o pago deste servizo aos colexios profesionais da avogacía e da procuradoría
- Cos 216,6M€ en materia de mobilidade, atenderanse as liñas do transporte autonómico mantendo as bonificacións da Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65 e, entre outras actuacións, avanzarase nas obras das estacións intermodais pendentes
- O Goberno galego consolida as liñas de axudas dos últimos anos ás entidades locais tras executar neste exercicio case 700 actuacións por importe de 24M€ e incrementa en máis dun 33% o apoio ás asociacións veciñais cunha achega récord de 4M€
- Darase continuidade a proxectos como o novo centro de asociacionismo de Vigo nos antigos xulgados da rúa Lalín cunha partida de 9,9M€
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024
A Xunta investirá en 2025 un total de 589,5M€ en promover o deporte, garantir unha mobilidade eficiente e sostible, contribuír a unha xustiza áxil e moderna, colaborar nas demandas das entidades locais, reforzar a atención ás emerxencias e dirixir a acción exterior da comunidade.
Segundo explicou hoxe o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no que se refire ao ámbito deportivo, a Xunta reserva nas contas do próximo ano 500.000 euros para dar os primeiros pasos da ampliación e conversión do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra en Centro de Alto Rendemento (CAR), no marco dun investimento global de máis de 22M€. Tendo en conta que Galicia conta con 1.335 deportistas de alto nivel, cifra récord, esta iniciativa permitirá centralizar a excelencia deportiva de Galicia nun mesmo recinto, manter este elevado nivel do deporte galego e mesmo atraer a deportistas nacionais e internacionais que veñan adestrar a estas infraestruturas.
Canto ao deporte de alto nivel, a Xunta destinará 3,1 millóns ao plan de patrocinio de equipos e ás bolsas para deportistas. Segundo sinalou o conselleiro de Deportes, o Goberno galego acompaña aos deportistas en todas as fases da súa traxectoria, motivo polo que no que se refire ao deporte base renovase o programa Xogade, no que xa participa o 60% dos escolares de 6 a 16 anos, e que contará na convocatoria de 2025 cunha dotación de 3,9M€, incluíndo o pago do seguro gratuíto do que Galicia foi pioneira.
Mantense tamén o compromiso coas infraestruturas deportivas con 14,4M€ en actuacións na Cidade do Deporte de Ferrol, a reforma do Anxo Carro de Lugo, o skate park de Culleredo, o pavillón polideportivo Elviña II da Coruña, as pistas de atletismo de Balaídos ou o módulo polideportivo da Estrada, do que xa comezaron as obras.
Do mesmo xeito, manterase o apoio ao tecido asociativo deportivo con 8,2M€, o que inclúe 5M€ para convenios coas federacións, 2M€ aos núcleos de adestramento deportivo (NADE) e 1M€ a equipamento para os clubs deportivos.
Transporte público accesible e de calidade
En materia de mobilidade, dos 216,6M€ desta área, 103M€ corresponden a sufragar as 3.600 liñas do Plan de Transporte Público de Galicia que, un ano máis, manterá as bonificacións da Tarxeta Xente Nova (14,6M€) e da Tarifa +65 (2,7M€). As 3.700 rutas de transporte escolar contan cun investimento de 123M€, mentres que o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal (065) recibirá 6,4M€.
Canto ás infraestruturas, ademais de sendas peonís e ciclistas e aparcadoiros disuasorios avanzarase nas estacións intermodais -destacan 16,6M€ ás obras na da Coruña e 6,1M€ na de Lugo- e investiranse case 6M€ na mellora de paradas de autobús e marquesiñas. Neste senso, Diego Calvo sinalou que a Xunta seguirá reclamando ao Goberno central que cumpra cos compromisos con Galicia canto a servizos e infraestruturas ferroviarias.
Mellora das infraestruturas xudiciais e administrativas
A Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza e, no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, destinará 1,7M€ a rematar as obras do novo edificio xudicial da Estrada e 4,8M€ a iniciar a execución da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela. Ademais, outros 5,6M€ investiranse en actuacións de eficiencia enerxética en xulgados da comunidade.
Por outra parte, en materia de persoal, 6,6M€ van dirixidos a consolidar o recoñecemento da traxectoria profesional do persoal da administración de xustiza e reservase unha partida de 850.000 euros á creación de máis dunha vintena de prazas de funcionarios nas novas unidades xudiciais que conceda o Ministerio de Xustiza.
Cómpre destacar que a retribución a profesionais da avogacía e procuradoría polo servizo estatal de asistencia xurídica gratuíta medra un 8,6% ata superar os 15M€ e inclúe novos conceptos tras a actualización dos baremos durante as negociacións con estes colectivos.
A Xunta seguirá atendendo as necesidades dos edificios administrativos de titularidade autonómica e, nese senso, os orzamentos contan con 9,9M€ ás obras do inmoble dos xulgados da rúa Lalín, en Vigo, para albergar dependencias para un cento asociacións. Destaca tamén o investimento de 2M€ para avanzar na construción da nova delegación territorial da Xunta en Ourense, cuxo proxecto está en fase de redacción.
Colaboración coas entidades locais
A Dirección Xeral de Administración Local manterá o compromiso coas entidades locais cun orzamento de máis de 20,6M€. Deste xeito, manterase a contía de 3,5M€ da Orde de Infraestruturas de uso público para a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, o apoio ás melloras ambientais a través de 11,2M€ do Fondo de Compensación Ambiental e 5,2M€ á orde de subvencións a actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais, cofinanciada con fondos FEDER.
Destaca o incremento nun 33,3% ata os 4M€ das axudas a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas coa finalidade de dar resposta á elevada demanda e ao éxito desta convocatoria nos últimos anos.
A Xunta garante por lei desde 2011 o apoio ao financiamento dos concellos a través Fondo de Cooperación Local (FCL), cunha participación asegurada dos municipios nos orzamentos da Xunta. En 2025 recibirán 168M€ deste fondo, no que destaca o aumento de 5,4M€ do fondo base aos concellos de menos de 15.000 habitantes, que son os que teñen menos ingresos. Así, o total de transferencias da Xunta aos concellos superará os 641M€. Neste eido, só coas distintas liñas de apoio da Dirección Xeral de Administración Local financiáronse este ano 677 actuacións por un importe de 24M€.
Apelou á necesidade de aclarar a delimitación de competencias no ámbito local entre as distintas administracións, un aspecto que precisamente recolle o borrador da Lei de Administración Local de Galicia no que o Goberno galego está a traballar.
Apoio ao funcionamento e equipamento dos servizos de emerxencias
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior seguirá traballando nos ámbitos de protección civil e emerxencias e seguridade con máis de 40M€, incluíndo as partidas para a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
Pese a tratarse dunha competencia de carácter local, a Xunta seguirá apoiando os gastos de funcionamento e a dotación de equipamento dos consorcios provinciais de bombeiros, dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), ao que se suman 2M€ á comarcalización dos parques de bombeiros das cidades, en concreto, de Ferrol e Santiago de Compostela.
Na súa intervención, lembrou o proxecto Dronfinder que se probou a semana pasada e que conta con 721.300 euros co obxectivo de mellorar a eficacia na busca de persoas desaparecidas a través do uso de drons e da intelixencia artificial.
Pola súa parte, a Agasp mantense como centro de referencia das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia e, canto á Policía Autonómica, o conselleiro lembrou a petición reiterada ao Goberno central de cubrir as prazas vacantes, xa que a unidade está por debaixo do 70% con 345 axentes ao tempo que medran as súas competencias.
Acción de Galicia no exterior
A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea disporá de 12M€, destinados sobre todo ao Plan Anual da Cooperación Galega con 10M€, un 10,3% máis ca este ano, para reforzar proxectos de educación, axuda humanitaria e emerxencias, e de cooperación no exterior con ONGD e outros axentes.
A Xunta manterá a súa aposta pola Fundación Galicia Europa para defender os intereses de Galicia na UE e, respecto das relacións con Portugal, polos programas conxuntos para que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal lidere a captación de fondos europeos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP). Ambos obxectivos van recollidos na nova Estratexia Galega de Acción Exterior 2024-2028.
A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias disporá de 2,9 millóns de euros para seguir traballando como ligazón coas outras institucións e facendo seguimento das normativas estatais e doutras comunidades.
- Etiquetas:
- Secretaría Xeral para o Deporte ;