Medio Rural adiantará o pago da PAC aos solicitantes de cultivo de pataca da Limia á primeira semana de novembro
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A titular de Medio Rural explicou que nas últimas semanas véñense desenvolvendo diferentes sesións de traballo para avaliar a contía das perdas ocasionadas polo temporal Kirk para obter os resultados máis precisos posibles
- Ademais, lembrou a importancia da contratación dos seguros agrarios, aos que o Goberno galego xa destinou máis de 50 millóns de euros de fondos propios para o fomento do aseguramento desde o 2017 e incrementando a súa partida no 2025
- Reafirmou o apoio ao sector agrogandeiro a través do anticipo dos pagos directos da PAC, anunciados este luns tralo Consello da Xunta, cos que se distribuirán 45 millóns de euros na vindeira semana

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou hoxe no Parlamento o adianto, por primeira vez, do pago do anticipo da Política Agraria Común (PAC) aos solicitantes de cultivo de pataca da Limia á primeira semana de novembro. Deste xeito, sinalou, apoiarase aos produtores da zona que se viron afectados polo temporal Kirk.
Neste sentido, a titular do Medio Rural incidiu en que cada vez son máis comúns os fenómenos meteorolóxicos extremos e os cambios no comportamento do tempo, polo que "desde o Goberno galego traballamos arreo buscando as mellores solucións" ante estes episodios. Ademais, lembrou as políticas para incentivar a contratación de seguros agrarios, resaltando a súa importancia para paliar as consecuencias dos desastres climáticos.
Por iso, a Consellería do Medio Rural destinou este mesmo ano 8,5 millóns de euros para fomentar a súa contratación cunha liña de axudas que posibilita cubrir ata un máximo do 75% da póliza. María José Gómez resaltou que nos Orzamentos de 2025 aprobados a semana pasada, hai unha partida para seguir potenciando esta liña de achegas que se incrementa. Sobre esta cuestión, puxo en valor un investimento de máis de 50 millóns de euros de fondos propios desde o 2017 para favorecer o aseguramento agrario e avanzou que se reclamará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa adaptación á realidade do noso territorio.
No caso das consecuencias de Kirk, María José Gómez explicou que nas últimas semanas véñense desenvolvendo diferentes sesións de traballo, "moitas delas con representantes dos sectores máis afectados", para avaliar a contía das perdas da maneira máis precisa posible. "Unha vez obtidos os resultados, tomaremos as medidas máis axeitadas", destacou e engadiu que se fará con accións "directas, indirectas e con todas as que teñamos ao noso alcance".
Outras accións de apoio
A conselleira do Medio Rural tamén destacou o apoio ao sector agrogandeiro coa celeridade no adianto dos pagos directos da PAC, anunciados este luns tralo Consello da Xunta, cos que se distribuirán 45 millóns de euros na vindeira semana, un mes antes do habitual. Será efectivo antes de que remate este mes para as explotacións de vacún de leite e de carne, e a partir de decembro, para o resto de solicitantes.
Ademais, tamén destacou o compromiso co cultivo de millo forraxeiro con investigacións, levadas a cabo desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, para ver cales son as variedades máis rendibles ou coa aprobación dunha partida de 20 millóns de euros para o Plan Camiña Rural, recollido nos Orzamentos de 2025, para a mellora de camiños rurais que faciliten os accesos ás parcelas de cultivo.
Por outra banda, a conselleira do Medio Rural tamén puxo en valor apoios aos produtores de pataca da Limia coa liña de axudas destinada á utilización de maquinaria agrícola en man común, dotada con 4 millóns de euros, así como os 8 millóns investidos para contribuír á mellora dos regadíos na comarca ou os máis de 6 millóns do plan de promoción dos produtos galegos de calidade diferenciada.