A Xunta impulsa un protocolo para a xestión dos bens intervidos en operativos antidroga que reforce a coordinación entre as entidades implicadas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Os directores xerais de Xustiza e de Emerxencias e Interior reuníronse esta semana con representantes dos distintos colectivos que participan deste labor conxunto
- O Goberno galego colabora desde 2015 coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Colexio de Procuradores para axilizar a actividade das unidades xudiciais encargadas destes asuntos, reducir os custos do depósito e xestión dos activos comisados e fomentar o uso social dos bens incautados
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
A Estrada (Pontevedra), 13 de outubro de 2024
A Xunta impulsa a elaboración dun protocolo para a xestión dos bens mobles intervidos en operativos antidroga de Galicia que favoreza a harmonización dunha dinámica de traballo común na comunidade. Así se acordou nunha xuntanza mantida esta semana na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, con representantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico e do Colexio de Procuradores da Coruña, así como con profesionais dos corpos e forzas de seguridade e do eido xudicial.
No encontro abordouse a necesidade de reforzar a coordinación e a axilidade para xestionar o destino dos bens, desde a súa incautación ata o momento de darlle o destino legal correspondente. Nesta liña, afondouse na importancia dunha boa organización para o traslado e depósito dos bens, ademais de potenciar o coñecemento dos diferentes servizos que están á disposición das forzas e corpos de seguridade do Estado.
A maiores, José Tronchoni explicou as novidades tecnolóxicas nas que está a traballar a Xunta. Entre elas destacou a aplicación Arquivo, destinada á xestión dos arquivos físicos, xudiciais, almacéns de pezas de convicción, depósitos xudiciais e expurgo de documentación.
Cómpre sinalar que a Xunta colabora desde 2015 coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Colexio de Procuradores tanto no funcionamento do Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico como no desenvolvemento de actividades formativas e divulgativas. O obxectivo da xuntanza mantida esta semana é seguir avanzando nesta colaboración.
Deste xeito, trabállase para axilizar a actividade das unidades xudiciais que se encargan destes asuntos no que se refire ás execucións e así maximizar o rendemento económico ao reducirse os custos de depósito e xestión dos activos comisados. Ao mesmo tempo, foméntase o retorno social dos bens incautados a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais. A colaboración tamén inclúe a divulgación das vantaxes deste servizo nos órganos xudiciais.
O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial. A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.