O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as axudas para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas cun orzamento de 500.000 euros
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Esta medida posta en marcha pola Consellería do Medio Rural ten por obxectivo equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da vendima deste ano
- A axuda será de 1,05 euros por litro de viño destilado, a destilación poderá realizarse ata o 15 de novembro de 2024 e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais
- Esta medida forma parte do paquete de axudas para apoiar a Denominación de Orixe Ribeira Sacra ante o contexto internacional de descenso xeneralizado no consumo e comercialización de viño tinto

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a nova liña de axudas da Consellería do Medio Rural para apoiar a destilación de crise nos viñedos da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra. Apoiarase a destilación de viños tintos amparados por esta DO, co fin de equilibrar o mercado e facilitar que as adegas liberen capacidade para poder afrontar a entrada de uva da colleita da vendima deste ano.
As achegas contan cun orzamento de 500.000 euros, aínda que o montante poderá ampliarse ata os 2,4 millóns de euros no caso de ser necesario. Neste sentido, estas axudas están financiadas na súa totalidade a través de fondos propios da Consellería, e responden á cantidade autorizada pola Comisión Europea como cifra máxima, con 1,05 euros por litro de viño destilado.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte á publicación desta orde no DOG. A destilación de crise poderá realizarse, como data límite, ata o 15 de novembro de 2024 e o alcohol obtido destinarase exclusivamente para o seu uso en procesos industriais, incluída a fabricación de desinfectantes e produtos farmacéuticos ou enerxéticos, co fin de evitar distorsións da libre competencia.
Poderán beneficiarse destas achegas aquelas empresas vitivinícolas que elaboren viño tinto baixo o distintivo de calidade DO Ribeira Sacra e que cumpran unha serie de requisitos establecidos na orde como, entre outros, que tiveran comprado uva na campaña 2023-2024 a persoas viticultoras, ou que utilizaran uva dos seus propios viñedos.
As persoas beneficiadas deberán entregar o viño a unha destilería autorizada, terán que presentar antes do 31 de xullo de 2025 unha declaración do destino do alcohol obtido e o viño entregado deberá ter un grao alcohólico adquirido non inferior ao 4,5%.
Cómpre lembrar que Galicia, xunto con outras comunidades autónomas, solicitou o pasado mes de abril ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación esta mediada excepcional, que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea e, a través da cal, as adegas desta denominación de orixe poden xestionar o seu excedente.
Paquete de apoio á denominación de orixe
Esta medida forma parte dun paquete de axudas enmarcado nun contexto internacional de descenso xeneralizado no consumo e comercialización de viño, especialmente dos tintos e rosados, problemática á que a denominación de orixe Ribeira Sacra non é allea. Os altos custos dos insumos e a elevada inflación dos últimos anos inciden tanto na debilitación das accións comerciais das adegas como na perda de poder adquisitivo dos consumidores, o que ten motivado unha importante caída do consumo de determinados tipos de viño, tanto na Unión Europea como no resto do mundo, que afecta de maneira máis profunda aos principais países produtores. De feito, os máis afectados son os viños tintos e rosados de determinadas rexións de Francia, España e Portugal.
A maiores da destilación de crise, a Consellería do Medio Rural vai destinar outros 2 millóns de euros a unha liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra. Trátase dunha medida novidosa, cuxa publicación se prevé para finais deste 2024, enfocada a preservar as características desta zona e que redundará de xeito positivo na candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco.
Entre as medidas de apoio tamén se contempla unha ampliación da formación e divulgación das oportunidades que ofrece a Política Agraria Común (PAC) para os viticultores en xeral, e en especial para os da Ribeira Sacra. Dentro da PAC existen unhas axudas, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, que na actualidade só o están solicitando o 28% dos viticultores con axuda da PAC nesta zona: concretamente 95 de 339 solicitudes de agricultores que declaran viñedo.
Outra acción máis de apoio, que se realiza a través da Consellería de Economía e Industria, concretamente do Igape, son as axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva. No caso da convocatoria deste ano, que se publicou a pasada semana no Diario Oficial de Galicia, son susceptibles de apoio aqueles préstamos (aplicados á adquisición de uva do 2024) formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2024. Na pasada convocatoria resolvéronse favorablemente 38 solicitudes, o que supón facilitar ás adegas acceso a créditos por un valor conxunto que supera os 17 millóns de euros, cun investimento final de 1,8 millóns de euros.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241001/AnuncioG0426-250924-0003_gl.html