Alfonso Villares estreita lazos institucionais e económicos pesqueiros cos países de Arxentina e Namibia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- As xuntanzas serviron para afianzar alianzas, co fin de crear un efecto tractor que impulse a economía local, mediante a xeración de emprego e riqueza, impulsando o desenvolvemento das zonas costeiras e do conxunto do país
- Con Arxentina consolidáronse as relacións iniciadas polo presidente da Xunta e con Namibia abordáronse propostas de colaboración entre a Consellería, a través do Cetmar, e o país africano
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vigo, 30 de setembro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo este luns sendas reunións de traballo con representantes do sector do Goberno de Arxentina e co ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Derek James Klazen, nas que aproveitou para estreitar lazos institucionais e económicos con ambos os dous países, ademais de amosar a competitividade e o potencial marítimo-pesqueiro de Galicia, pois o porto de Vigo, punteiro en Europa, é un dos máis importantes do mundo nesta materia. Os encontros, enmarcado na celebración da 25 Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (CONXEMAR), serviron, en definitiva, para afianzar alianzas, co fin de crear un efecto tractor que impulse a economía local, mediante a xeración de emprego e riqueza, impulsando o desenvolvemento das zonas costeiras e do conxunto do país.
A xuntanza cos representantes arxentinos, na que Villares estivo acompañado dos directores xerais de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e de Desenvolvemento Pesqueiro, Antonio Basanta e Marta Villaverde, respectivamente, serviu para consolidar as relacións establecidas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tal e como se plasmou, no mes de xuño cando o máximo mandatario do Goberno galego se entrevistou co subsecretario de Pesca da Nación, Juan Antonio López Cazorla, e na que o titular da administración galega estableceu as sinerxias para visibilizar e afianzar a importancia do sector no país.
En 2023, Galicia rexistrou un volume de importacións desde Arxentina de máis de 392.000 toneladas, alcanzando a cifra de 483 millóns de euros. Ata setembro deste ano, estas adquisicións xa ascenden os 284 millóns de euros, representando o 79% de todas as compras realizadas desde España. Asemade, e segundo os rexistros de DataInvex, Servizo de Estatísticas de Investimento Española no exterior da secretaría de Estado de Comercio, as empresas galegas mobilizaron no sector da pesca e a acuicultura de Arxentina entre 2009 e 2023 un total de 51,83 millóns de euros. É precisamente, grazas á aposta empresarial da Comunidade, o que contribúe a que se xeren ao redor de 5.500 empregos na pesca e a transformación de produtos do mar neste país de América do Sur. Destes, 2.084 a bordo dun 80 buques pesqueiros de capital galego e bandeira arxentina.
Colaboración da Xunta con Namibia
Polo que respecta ao encontro co ministro namibio, abordouse a proposta de colaboración entre Galicia e o país africano, que daría cabida a asuntos de reforzo de capacidades en materias como a formación ou trazabilidade. Villares, xunto a Basanta, aproveitou para por en valor o traballo do Centro de Tecnoloxía do Mar-Fundación Cetmar que permitiu levar a cabo o proxecto co Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia (NatMIRC) centrado en aspectos como a avaliación dos recursos pesqueiros, a determinación de stocks ou o seguimento das poboacións do peixes.
O sector primario representa neste país o 18,5% do PIB e, neste, a pesca supón o 2,6%. As relacións comerciais concéntranse precisamente neste eido, sendo o 90% das importacións españolas. No que levamos de 2024, as exportacións ascenden ata os 40,37 millóns de euros.
Galicia e Namibia colaboran en materia pesqueira dende hai máis de dúas décadas. A través desta relación construíuse unha estación que fornece alevíns ao sector acuícola da zona ou se desenvolveron diversos proxectos de investigación na zona costeira para avanzar no coñecemento das especies comerciais sostibles e avaliar o ecosistema.