A Xunta impulsa a transformación dixital do sistema sanitario a través dun uso dos datos ético, seguro e accesible para a investigación
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A secretaria xeral técnica apunta ás novas tecnoloxías e á intelixencia artificial como ferramentas clave para resolver os novos retos da saúde, derivados do incremento da demanda da atención sanitaria, o envellecemento e o aumento da cronicidade
- Lembra que a Xunta ten en marcha o Plan de transformación e saúde dixital e traballa nunha lei específica para regular o emprego da Intelixencia Artificial na nosa comunidade

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024
A Xunta avoga por impulsar unha transformación dixital do sistema sanitario que conxugue o uso ético e seguro dos datos coa súa accesibilidade para favorecer a investigación.
Así o asegurou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, na clausura, este mediodía en Santiago, da xornada divulgativa A medicina do futuro, intelixente e ¿artificial?.
"Queremos avanzar cara aos novos retos e adaptarnos aos escenarios organizativos, tecnolóxicos e normativos do presente e do futuro" remarcou a secretaria xeral técnica, quen avogou por aliñarse coas iniciativas europeas e por conxugar o emprego ético e seguro dos datos coa flexibilidade necesaria para facilitar o seu acceso para avanzar no eido da investigación.
Durante a xornada, especialistas dos ámbitos da saúde, da investigación e das novas tecnoloxías abordaron os cambios que experimentará a atención sanitaria nos vindeiros anos e os retos e as oportunidades que suporá a incorporación da intelixencia artificial e o big data ao eido da medicina.
Natalia Lobato precisou que é necesario "fixar un novo modelo para a transformación do ecosistema sanitario", no que "a tecnolóxica será unha ferramenta indispensable para resolver os novos retos da Sanidade", que derivan do incremento da demanda de atención sanitaria, do envellecemento da poboación e do aumento das enfermidades de tipo crónico.
Neste sentido, a secretaria xeral técnica lembrou os principais eixos do Plan de transformación e saúde dixital que elaborou a Xunta para o período 2023-2026, unha transformación dixital que será "intelixente, personalizada, inclusiva e que estará gobernada polo dato".
De acordo con isto, e xunto coas melloras que suporá a inclusión destas tecnoloxías, Lobato apuntou que a Administración galega está nestes intres traballando na tramitación dunha lei que regulará o emprego da Intelixencia Artificial na comunidade. Un novo texto lexislativo que terá en consideración os riscos do seu uso e que abordará o seu uso desde diferentes perspectivas, afondando nas súas vertentes ética e social.