Galicia solicita a axuda de Europa para desbloquear a tramitación dos parques eólicos e poder cumprir coa descarbonización e a neutralidade climática
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ángeles Vázquez analiza co director xeral do Servizo Xurídico da CE a necesidade de que a Xustiza europea resolva a cuestión prexudicial trasladada polo TSXG sobre os eólicos para evitar que a inseguridade xurídica se poida estender ao resto da UE
- Lembra que nun contexto no que as enerxías renovables son claves para lograr os obxectivos do Pacto verde europeo e como fonte de crecemento e emprego, Galicia necesita avanzar e superar o actual atasco de ducias de parques eólicos
- Salienta o aval das institucións europeas á futura Lei galega de administración ambiental simplificada, unha norma aliñada co obxectivo europeo de axilización, e márcase como reto que a comunidade lidere a aposta polas enerxías limpas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Bruxelas, 11 de setembro de 2024
A Xunta solicita a axuda da Unión Europea na busca de solucións que axuden a clarificar e axilizar a tramitación dos proxectos eólicos en Galicia para que a comunidade poida cumprir co reto da descarbonización e avanzar cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática antes de 2050.
Así o trasladou esta mañá en Bruxelas a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa viaxe institucional para reunirse con representantes de diferentes organismos comunitarios e expertos xuristas para abordar a situación do sector eólico en Galicia así como outros asuntos relacionados coa enerxía verde, a redución das emisións contaminantes e a loita contra o quecemento global.
Tras manter un primeiro encontro co director xeral do servizo xurídico da Comisión Europea, Daniel Calleja, a responsable autonómica explicou que un dos temas centrais da xuntanza foi a situación de inseguridade xurídica que está a xerar en Galicia a actual parálise xudicial e administrativa que afecta a ducias de proxectos eólicos.
Neste sentido, Ángeles Vázquez trasladoulle ao responsable xurídico comunitario o interese da Xunta en que o Tribunal de Xustiza de la Unión Europea (TXUE) resolva o antes posible a cuestión prexudicial trasladada a finais de xuño polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) con relación á tramitación de proxectos eólicos, ao entender que un pronunciamento xudicial da UE clarificaría e axilizaría os proxectos paralizados na comunidade, ademais de evitar que a inseguridade xurídica neste sector se poida estender a outros países con lexislacións sectoriais similares á española.
O goteo de sentenzas por parte do TSXG cuestionando a simultaneidade dos trámites de información pública e de consulta de novos parques eólicos, segundo explicou a conselleira, preocupa moito ao Goberno galego, xa que dificulta o proceso de descarbonización iniciado para reducir a dependencia da comunidade dos combustibles fósiles e avanzar no Pacto verde europeo.
Así, explicou que Galicia é, nestes momentos, a cuarta comunidade española en canto a potencia eólica instalada pero o seu obxectivo é "volver a ser a primeira", un liderado a nivel nacional que quere recuperar, recalcou, primando o coidado medioambiental e "afondando no mesmo que piden todos os estados membros: simplificación".
Necesidade de avanzar e superar o atasco
Nun contexto no que a UE considera claves as enerxías renovables para completar unha transición enerxética xusta e ordenada e como fonte xeradora de crecemento, riqueza e emprego, a responsable autonómica lembrou que Galicia necesita seguir avanzando nos seus obxectivos de implantación de máis potencia eólica e para logralo, resulta imprescindible "superar o actual atasco" que afecta a máis dun cento de parques.
A modo de exemplo e mentres o TXUE non se pronuncie sobre a consulta realizada polo alto tribunal galego, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta está a traballar na futura Lei de administración ambiental simplificada, unha norma aliñada co obxectivo europeo de acelerar o desenvolvemento e a implantación de enerxías renovables así como de proxectos económicos e industriais de calado pero sempre desde o máximo respecto á protección medioambiental.
Precisamente, salientou que as autoridades europeas "avalan e alaban" as decisións adoptadas por Galicia neste eido, polo que se amosou satisfeita ao constatar que os esforzos e a estratexia da Xunta están totalmente en liña coas directrices da UE.
Así mesmo e tras recordar que hai uns días rematou a fase de consulta pública previa da lei, a conselleira considerou que moitas das achegas recibidas contribuirán a enriquecer e mellorar o texto normativo pero amosouse sorprendida polo feito de que as tres organizacións "máis activas na presentación de recursos" contra a tramitación de proxectos eólicos realizada polos técnicos da Consellería, non presentaran ningunha suxestión ou alegación ao respecto.
Por último, cómpre lembrar que Ángeles Vázquez tamén se reunirá esta tarde en Bruxelas co director de Biodiversidade da Dirección Xeral de Medio Ambiente da CE, Humberto Delgado, e co responsable de Transición verde e integración do sistema enerxético da Dirección Xeral de Enerxía da CE, entre outros.