A Xunta convoca 24 cursos de formación continua para o persoal dos servizos de emerxencias
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, enmarcada no plan de formación continua da Academia Galega de Seguridade Pública e que suma 572 prazas
- Das accións formativas, 14 van dirixidas a persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES), servizos municipais de protección civil e emerxencias, e outras 10 ao das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de 24 actividades formativas dirixidas aos servizos de emerxencias prestados tanto por profesionais como por voluntariado de Protección Civil. As actividades previstas suman 572 prazas e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro con accións de carácter presencial, semipresencial e en liña.
Así, convócanse, por unha parte, 14 cursos para persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias que ofertan 348 prazas. Entre eles figuran actuacións en situacións de emerxencias con amoníaco, apertura de portas en edificios e vehículos, rescate en ascensores, intervención con risco eléctrico e con vehículos especiais, investigación causal de incendios, técnicas de excarceración e extracción de vítimas en accidentes de tráfico, operacións de rescate en espazos confinados e en aeroxeneradores, e rescate en ríos, riadas e inundacións. As horas lectivas dos distintos cursos oscilan entre as oito e as 40, cun global de 194.
Por outra banda, para o persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, o DOG publica a convocatoria doutros 10 cursos con 224 prazas e 144 horas lectivas. Os contidos inclúen o uso de Google Earth nos dispositivos de emerxencias, a busca de persoas desaparecidas no medio rural, accidentes na estrada, actuación inicial coas vítimas de violencia de xénero, intervención e regulación do tráfico, organización e seguridade en eventos multitudinarios, probas deportivas e de motor, comunicacións en emerxencias e primeiros auxilios, entre outros.
O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 9 de setembro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal), onde tamén se publicará a relación de persoas seleccionadas para participar en cada un dos cursos.
Estas actividades completan o plan de formación continua da Agasp deste ano no eido das emerxencias, do que xa se impartiron no primeiro semestre 17 cursos con máis de 400 prazas. A oferta súmase ademais á dirixida ao persoal dos corpos e forzas de seguridade, que só no primeiro semestre deste ano incluíu 59 cursos e máis de 1.700 prazas.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia e como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.