A Xunta actualiza para hoxe domingo os niveis de alerta e as zonas afectadas por ola de calor
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Hoxe domingo, coa entrada dunha masa de aire atlántica máis fresca e húmida, rematará este episodio de calor
- Aínda así, hai que prestar atención á zona de Valdeorras (nivel laranxa) e montaña de Lugo e Miño de Ourense (nivel amarelo)

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024
Dentro do marco do "Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde", achégase a seguinte comunicación de alerta por episodio de calor.
Nivel 1 (nivel amarelo)
As zonas afectadas polo nivel 1 para hoxe son as seguintes:
Montaña de Lugo (Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, Triacastela).
Miño de Ourense (A Arnoia, Barbadás, Beade,Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Toén).
Nivel 2 (nivel laranxa)
As seguintes zonas están afectadas polo nivel 2 para hoxe:
Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras).
Segundo sinala Meteogalicia, hoxe domingo coa entrada dunha masa de aire atlántica máis fresca e húmida rematará este episodio de calor. Aínda no día de hoxe hai que prestar atención á zona de Valdeorras (nivel laranxa) e montaña de Lugo e Miño de Ourense (nivel amarelo).
Recomendacións sanitarias
A Consellería de Sanidade traslada á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.
É importante beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Ademais, deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou aquelas moi azucradas. Recoméndase comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, recoméndase o uso de roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible e nunca inferior a quince.
Aos familiares ou veciños que vivan sos é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.