Fabiola García sinala que as políticas de conciliación son chave para garantir a igualdade entre mulleres e homes
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- Lembrou que Galicia é pioneira na gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, tanto públicas como privadas, e que o vindeiro curso pechará o círculo educativo coa gratuidade das taxas universitarias para todos os alumnos
Madrid, 16 de xullo de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta tarde no foro organizado polo medio dixital Artículo 14 no que sinalou que as políticas de conciliación son chave para garantir a igualdade entre homes e mulleres. Durante a súa intervención destacou que a Xunta de Galicia leva a dianteira no impulso de iniciativas que lle permitan ás familias non renunciar a nada por converterse en nais ou pais.
Neste sentido, a conselleira destacou que o Goberno galego realiza un acompañamento das familias desde que nacen os seus fillos e ata que se fan maiores e gañan en autonomía. Este percorrido iníciase xa no hospital a través da Cesta Benvida, un apoio simbólico para trasladarlle ás nais e pais que a Xunta estará ao seu carón para acompañalos en cada etapa da súa maternidade e paternidade.
Así mesmo, lembrou que para facer fronte aos primeiros gastos polo nacemento dun bebé, o Goberno galego impulsa a Tarxeta Benvida, unha axuda económica de entre 1.200 e 3.000 euros ao ano; e desde os dous últimos dous cursos académicos, Galicia impulsou de xeito pioneiro a gratuidade de todas as escolas infantís de 0 a 3 anos, tanto públicas como privadas, o que permite un aforro de máis de 3.000 euros ao ano por cada neno.
Círculo educativo
Fabiola García tamén remarcou que este círculo se pechará o vindeiro curso 2024-25 coa gratuidade das taxas universitarias para todos os alumnos e durante todos os anos. Unha medida que de novo sitúa a Galicia como un referente a nivel nacional e que suporá un aforro medio de 3.000 euros ao longo de toda a carreira universitaria para as familias.
A conselleira fixo fincapé en que estas políticas son as que garanten unha verdadeira igualdade xa que permiten que non existan motivos económicos, sociais ou culturais que leven ás mulleres a renunciar a súa carreira. Neste sentido, destacou que ao longo dos últimos anos Galicia desenvolveu unha especial sensibilidade neste ámbito que culminou o pasado ano coa aprobación da nova Lei de Igualdade de Galicia. Unha normativa que permitirá, entre outras cousas, crear os primeiros espazos urbanos libres de violencia e reforzar a igualdade no ámbito dixital.
Entre os asistentes ao foro estiveron a deputada por Pontevedra e portavoz de Inclusión e Seguridade Social do grupo popular, Irene Garrido, o deputado por Lugo e exvicepresidente da Xunta, Francisco Conde, a deputada por Lugo Cristina Abades, a senadora por Ourense e presidenta da Comisión de Dereitos das Familias, Carmen Leyte, e o concelleiro de Políticas Sociais, Familia e Igualdade do Concello de Madrid, José Fernández.