López Campos anima a participar na Rapa das bestas, unha das festas galegas "con maior valor cultural"
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, asiste a esta nova edición que se celebra na parroquia estradense de Sabucedo tras a publicación no Diario Oficial de Galicia da incoación como Ben de Interese Cultural na categoría de inmaterial
- Asegura que "non hai mellor demostración da importancia desta tradición que estar aquí e vivila"

A Estrada (Pontevedra), 6 de xullo de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo, no concello pontevedrés da Estrada, que comezou os seus festexos só dous días despois de o Diario Oficial de Galicia publicara a incoación para declarar a festa Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial.
En plena celebración, o conselleiro López Campos explicou que o trámite iniciado ao redor desta festa "supón a salvagarda dunha manifestación cultural que conta cun valor senlleiro e cuxos valores son transmitidos de xeración en xeración". Neste senso, o titular de Cultura da Xunta de Galicia sinalou que "non hai mellor demostración da importancia desta tradición sobranceira que estar aquí e vivila".
Así, representante da Administración autonómica, manifestou a gran repercusión que ten a Rapa das Bestas a moi diferentes niveis, "tanto cultural, coa oportunidade de coñecer directamente unha actividade que comezaron os nosos antepasados, como económico, turístico e social". Ademais disto, referiuse ao "coidado que se lles presta aos cabalos con todas as accións necesarias que van máis alá de baixalos ao curro e ceibalos de novo, traballo que temos que agradecer á Asociación da Rapa ".
Neste senso, López Campos referiuse á "manifestación inmaterial máis clara que existe en Galicia da relación ancestral entre uns animais e os seres humanos" e que foi a celebración da rapa o que permitiu que esta "emblemática especie silvestre, fundamental para a conservación dos ecosistemas de media montaña en Galicia, sobrevivise ao longo dos séculos".
Tradición e atractivo turístico
A Rapa das Bestas de Sabucedo é unha tradición de séculos pasados que se mantén a día de hoxe conxugando o seu espírito e os seus valores orixinais coa evolución en canto a coidado dos animais e do medio ambiente. Supón un gran atractivo turístico internacional pola súa singularidade, sendo a parte do curro, onde confrontan técnica e forza os aloitadores e os cabalos, a que esperta máis interese pola súa espectacularidade. Ademais, a programación, que se estende a varios días, abrangue dende hai anos varias actividades paralelas, destacando as propostas musicais.