A Xunta aposta pola formación continua dos profesionais do Ministerio Fiscal para garantir a igualdade de acceso dos menores á xustiza
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na clausura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, que este ano está dedicada á defensa dos intereses e os dereitos dos e das menores
- Destacou o importante papel dos fiscais e a súa responsabilidade na defensa dos intereses e dereitos tanto dos menores infractores como vítimas de delitos ou testemuñas, ademais de informar ás institucións competentes de situacións de menores desprotexidos, desamparados ou en risco
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Bergondo (A Coruña), 14 de xuño de 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, resaltou hoxe o compromiso da Xunta coa formación continua dos profesionais da Administración da Xustiza para garantir un servizo eficaz á cidadanía. Así o destacou durante a inauguración da Escola de Verán do Ministerio Fiscal que acolleu esta semana o Pazo de Mariñán, sede permanente destas xornadas.
Á inauguración tamén asistiron o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, o presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González Formoso, e a directora do Centro de Estudos Xurídicos, Laura Cambero, como representantes das entidades que xunto co Goberno galego colaboran na organización destas xornadas.
Diego Calvo destacou a relevancia da formación e actualización continua entre o persoal que traballa na Fiscalía, unha institución en evolución constante e que ten que adaptarse a distintas reformas lexislativas, en especial no que se refire ao Dereito do Menor co fin de garantir a seguridade xurídica e a igualdade ante a lei dos menores.
Nesta liña, incidiu en que o correcto funcionamento dos servizos de atención á infancia é un dos indicadores máis importantes do nivel de desenvolvemento dunha sociedade, polo que todas as funcións que ao Ministerio fiscal lle competen no referente á protección de menores durante os procesos xudiciais son fundamentais para acadar ese obxectivo. Teñen a responsabilidade na defensa dos intereses e dereitos tanto dos menores infractores como vítimas de delitos ou testemuñas, ademais de informar ás institucións competentes de situacións de menores desprotexidos, desamparados ou en risco.
Desde o pasado mércores a Escola de Verán acolleu conferencias e mesas redondas sobre o papel e as funcións dos fiscais de menores en asuntos como delitos informáticos, redes sociais e protección do menor no ámbito dixital; a protección de datos; a execución de medidas definitivas e cautelares; a coordinación con institucións e ONGs que defenden dereitos dos menores; así como a importancia da saúde mental nos menores e a necesidade de loitar contra a prostitución ou a trata de menores ou os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual.
Esta escola de verán forma parte dos plans de formación continua dos membros da carreira fiscal e vénse realizando no marco do convenio entre a Xunta, a Deputación Provincial da Coruña, o Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza e a Fiscalía Xeral do Estado.
O Goberno galego tamén contribúe á formación destes profesionais a través doutro convenio marco aprobado en 2016 entre o Centro de Estudos Xurídicos e a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) en materia de formación de fiscais, letrados da Administración de Xustiza, médicos forenses e avogados do Estado.