A Xunta colaborará co concello de Ferrol na celebración do 25 aniversario do pasamento de Torrente Ballester
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Goberno galego destina 35.000€ ao desenvolvemento de distintas actividades entre obradoiros, publicacións, conferencias e representacións
- López Campos destaca "o compromiso da Administración autonómica con aquelas accións que axuden a promover a cultura galega e preservar a súa memoria"
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Ferrol, 11 de xuño de 2024
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron esta mañá un convenio polo que a Xunta de Galicia colaborará na homenaxe ao escritor Gonzalo Torrente Ballester, coincidindo co 25 aniversario do seu pasamento.
O acordo enmárcase na liña de actuacións do Goberno galego encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura. Neste senso, López Campos lembrou o compromiso da Administración autonómica para "apoiar todas aquelas accións que axuden a promover a cultura galega e preservar a súa memoria". Así, engadiu, "é todo un acerto organizar esta conmemoración na terra que viu nacer a Torrente Ballester, berce do imaxinario do que segue sendo todo un referente da literatura española".
A homenaxe que se lle renderá ao que foi Premio da Crítica (1972 e 1977), Premio Nacional de Narrativa (1981), Premio Príncipe de Asturias (1982), Premio Cervantes (1985) e Premio Planeta (1988), abrangue actividades de diversa índole. Deste xeito, no marco do programa xa se celebrou unha conferencia a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e estreouse unha composición musical de Miguel Brotóns sobre o homenaxeado. Ademais, contémplase unha publicación da biografía do autor e as representacións no Teatro Jofre das obras Las hermanas Recalde e Una gloria nacional. Complétase coa publicación dun libro revista escolar, a posta en marcha dun ciclo de cine sobre novelas ou guións de Torrente Ballester e a realización de mesas redondas con críticos e novelistas na Casa de Galicia de Madrid.
O custo total das actividades é de 37.467€, dos cales a Xunta aporta 35.000€ co obxectivo de honrar e manter viva a memoria do profesor e literato, achegando a súa figura á sociedade en xeral.
Convenio coa Biblioteca Nacional de España
Ademais deste acordo, a Xunta de Galicia está a tramitar un convenio coa Biblioteca Nacional de España, no que tamén participa o Concello de Ferrol, para a organización en Madrid dunha exposición sobre a figura de Torrente Ballester. Está previsto que a mostra se inaugure no mes de outubro na sede da institución e que teña posteriormente unha itinerancia en Ferrol no 2025.