A Xunta abre mañá as inscricións nos campamentos de xuventude para maiores de 18 anos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- En total hai 200 prazas dispoñibles que se distribúen en cinco programas diferentes e serán adxudicadas por orde de recepción
- A oferta enmárcase nas actividades da Campaña de Verán 2024 da Dirección Xeral de Xuventude, que recupera estes campamentos para persoas entre 18 e 30 anos
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2024
A Xunta abre mañá ás 9,00 horas o prazo de inscrición en campamentos para mocidade de entre 18 e 30 anos. Esta oferta específica que se inclúe na Campaña de Verán 2024 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, pon a disposición das persoas interesadas 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes e que abranguen máis de 40 actividades.
As solicitudes deben presentarse en liña na web de Xuventude a partir de mañá e ata o vindeiro 10 de xuño, enviando o correspondente formulario no que cada persoa poderá elixir un máximo de tres programas por orde de preferencia.
O programa promove un ocio educativo, alternativo e saudable para a mocidade galega que inclúe neste caso visitas e roteiros, actividades de multiaventura e acuáticas, obradoiros, propostas artísticas e relacionadas coa natureza e mesmo veladas e xogos de escapismo nocturnos. Todas elas terán lugar en quendas de xoves a domingo nos meses de xullo e agosto.
Os campamentos para maiores de 18 anos desenvólvense no albergue municipal de Cabana de Bergantiños; no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo; no albergue de Allariz; no albergue Montañas de Trevinca en A Veiga (Ourense); e na residencia complexo Cemar en Mondariz Balneario.
Baixo o lema O teu mellor verán, o programa completo da Dirección Xeral de Xuventude para esta época estival oferta en total 11.500 prazas.
Adxudicación de prazas
Para optar a estes campamentos para maiores de idade é preciso ter cumpridos os 18 anos ao inicio das actividades e non cumprir os 31 antes do seu remate.
As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de recepción. Unha vez asignadas na primeira convocatoria, abrirase de novo o formulario na web de quedar prazas vacantes. Ademais, a persoa beneficiaria da praza recibirá un correo electrónico coas instrucións precisas para formalizar a súa inscrición.