María José Gómez destaca a calidade do sector agroalimentario galego e compromete o seu impulso dentro e fóra de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Resaltou a importancia das empresas de distribución dentro da cadea de valor, ao igual que os produtores e a industria, para achegar aos consumidores os produtos alimentarios
- A maiores, puxo de relevo eidos de referencia en Galicia como son o lácteo, o cárnico e o vitivinícola, fundamentais para o crecemento económico sostible e sinónimo de aposta polo futuro do rural
- Nesta liña, sinalou como exemplo os distintivos Galega 100% ou leite de pastoreo para destacar o labor dos produtores lácteos; ou os 36 selos de calidade diferenciada coa que conta a nosa comunidade
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
A Coruña, 24 de maio de 2024
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, clausurou hoxe o X Encontro coa industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski na Cúpula Atlántica do Monte de San Pedro da Coruña, onde aproveitou para poñer en valor a calidade do sector agroalimentario galego, que é un referente a nivel nacional, e manifestar o compromiso da Xunta de Galicia por seguir potenciándoo dentro e fóra de Galicia.
Neste acto de clausura, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Vegalsa-Eroski, José Manuel Ferreño; o seu ex-director nos últimos 25 anos, Joaquín González; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Na súa intervención, Gómez destacou o compromiso da Xunta por seguir potenciando os produtos agroalimentarios galegos fóra tamén do noso territorio. Por iso, sinalou que é preciso contar co apoio de empresas distribuidoras como é Vegalsa-Eroski, que son unha parte imprescindible da cadea de valor para achegar estas producións aos consumidores tralo labor feito polos propios produtores e o resto da industria.
Sectores de referencia
A conselleira do Medio Rural puxo de relevo os sectores lácteo, cárnico e vitivinícola, nos que Galicia é un referente e son pezas fundamentais para o crecemento económico sostible e a aposta polo futuro do rural.
Nesta liña, recalcou que Galicia produce case a metade do leite de España, está entre as principais produtoras de carne, tanto de vacún como avícola ou porcina, e os seus viños están entre os máis vendidos en España grazas ás cinco denominacións de orixe galegas. Para seguir potenciando estes eidos produtivos, a conselleira destacou as estratexias sectoriais elaboradas para cada un deles e que serán determinantes de cara ao futuro.
A maiores, tamén manifestou a importancia da imaxe de marca e puxo como exemplo Galega 100% ou a leite de pastoreo como distintivos que resaltan o bo facer dos produtores lácteos galegos. Ademais, reflexou a importancia dos selos de calidade diferenciada como son as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas, das cales hai 36 recoñecidas en Galicia, que son un "motor económico" para o rural no que principalmente se producen.
Folla de ruta a seguir
Durante a súa intervención, a conselleira do Medio Rural especificou as metas definidas para seguir traballando a prol do sector agroalimentario, que pasan por ampliar o posicionamento dos produtos galegos no mercado nacional e internacional, a diversificación das producións do agro, o fomento da remuda xeracional e o fomento da industrialización do rural, que debe estar precedida da súa transformación para xerar valor engadido.