Aberto o prazo de solicitude das bolsas de prácticas 2024 na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Este programa formativo ofrece a oportunidade de entrar en contacto cos asuntos europeos e as institucións comunitarias
- Das catro bolsas ofertadas, dúas son de formación en asuntos comunitarios, outra de comunicación das políticas europeas, e unha última de apoio administrativo
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2024
A Fundación Galicia Europa (FGE) abriu o prazo de solicitude para optar a catro bolsas de formación en asuntos europeos. A través deste programa de formación anual dirixido a titulados universitarios e técnicos superiores de formación profesional, a FGE potencia o coñecemento sobre a Unión Europea dende unha perspectiva galega.
As persoas interesadas poden presentar as súas candidaturas ata o luns 17 de xuño. As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
O proceso de selección comezará cunha fase de valoración de méritos na que se terán en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos e os idiomas, entre outros aspectos. As primeiras persoas clasificadas pasarán a unha segunda fase, consistente nunha entrevista persoal.
As catro persoas seleccionadas comezarán no vindeiro setembro un período de prácticas de 11 meses na oficina de Bruxelas da FGE. O orzamento total das bolsas, de 71 024 euros, cobre as retribucións, a seguridade social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.
Catro bolsas de formación en asuntos europeos
Tres das bolsas están dirixidas a persoas cun título universitario. Delas, dúas son de formación xeral en asuntos comunitarios e outra en comunicación das actividades da FGE, das políticas europeas e da participación galega nestas. Para esta última, son elixibles os titulados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
A cuarta das bolsas ofertadas destínase a persoas con titulación técnica superior de Formación Profesional na familia de Administración e Xestión, para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.
A Fundación Galicia Europa
O programa de bolsas é unha iniciativa enmarcada no compromiso coa formación e a sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia da FGE, unha das súas catro áreas de actuación. Dende o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 persoas puideron coñecer de cerca as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.