A Xunta impulsa en Taboada a segunda edición de 'Raizames', un encontro cultural arredor do viño da Ribeira Sacra
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento

Lugo, 7 de maio de 2024
A Xunta de Galicia colabora coa organización da segunda edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra Raizames, que se celebrará en Taboada ao longo desta fin de semana. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento, promovido pola Asociación de Comerciantes e Industriais do municipio.
Arias explicou que o Goberno galego apoia esta cita a través de Turismo de Galicia para sumar "outra convocatoria turística de referencia arredor do viño para esta denominación de orixe". Neste sentido, apuntou que a proposta de Taboada engade unha aproximación multidisciplinar á viticultura como actividade económica esencial e como elemento identitario do concello e da comarca.
O Encontro abrirase o venres, día 10, ás 18,30 horas, cun paseo guiado á exposición fotográfica "Paisaxe humana", de Abel Valdenebro, distribuída polas rúas da vila. Posteriormente proxectarase o documental "Os gardiáns das cepas" no auditorio da Casa Cuartel.
Durante a xornada do sábado haberá roteiros, catas guiadas e degustacións de viños; unha mesa redonda sobre as vides e a paisaxe, o espazo infantil "Vendimarte cativa" e varias actuacións musicais, entre outras propostas.
O programa remata o domingo pola mañá coa presentación do libro "Observacións sobre a cultura do viño na Galiza", o encontro "O viño, con nome de muller", unha degustación de viños e un espectáculo de danza contemporánea.