A Xunta conclúe a 1ª fase de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada OU-402 na Arnoia tras un investimento de case 900.000 euros
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Actuouse nun treito de 1,5 km da vía para dotalo de beirarrúas, de beiravías e de zona para peóns, permitindo desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios
- Mellorouse o trazado e ampliouse este tramo da estrada OU-402 ata os 7 metros de ancho onde foi factible, rectificando tamén as curvas de radio reducido
- Habilitouse un espazo peonil, construíndo beiravías ao longo de algo máis de 1 km pola marxe esquerda da vía e cuneta transitable ao longo de medio quilómetro
- Tamén se mellorou a senda entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia
- Actuouse na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 executando un carril central de espera e un cambio de sentido para maior visibilidade e seguridade
- O director da Axencia Galega de Infraestruturas avanza a redacción do proxecto de pasarela peonil na mesma OU-402, á altura do quilómetro 31+780
- O obxectivo desta nova intervención é darlle continuidade ao itinerario peonil existente na marxe esquerda
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
A Arnoia (Ourense), 25 de marzo de 2024
A Xunta vén de concluír a 1ª fase de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada OU-402, no concello da Arnoia, tras un investimento de case 900.000 euros.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto co alcalde, Rodrigo Aparicio, e a xefa territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en Ourense, Pilar Fernández, supervisou hoxe o resultado das actuacións de mellora do trazado e acondicionamento desta vía autonómica, entre a intersección coa vía provincial de acceso a Ribadavia e a entrada ao núcleo urbano da Arnoia.
Francisco Menéndez explicou que se actuou nun treito de preto de 1,5 km desta vía autonómica, para dotalo de beirarrúas, de beiravías e de zona para peóns, favorecendo desprazamentos máis cómodos e seguros a todos os usuarios.
As obras incluíron a mellora do trazado da vía, ampliando, onde foi factible, a estrada ata os 7 metros de ancho. Tamén se rectificaron as curvas de radio reducido.
Máis concretamente, a intervención permitiu habilitar un espazo peonil para favorecer os desprazamentos a pé dos veciños de xeito seguro, coa construción de beiravías ao longo de algo máis de 1 km, pola marxe esquerda da estrada e de 2 metros de ancho. Tamén se executou cuneta transitable ao longo de medio quilómetro. Ademais, mellorouse a senda existente entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e contorna.
No marco desta intervención actuouse, tamén, na intersección da OU-402 coa vía provincial OU-0305 no quilómetro 30+700. Neste punto, tal e como salientou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, habilitouse un carril central de espera e un cambio de sentido, mellorándose a visibilidade e propiciando unha maior seguridade nos xiros.
Tendo en conta que se actuou na entrada ao núcleo urbano da Arnoia, na intervención aproveitouse para adecuar o trazado á normativa vixente, incidindo sobre a mellora da visibilidade na circulación. Neses 600 metros de estrada de entrada ao núcleo, debido á dificultade de ampliar a vía sen afectar ás edificacións existentes, conservouse o ancho actual dos carrís, 3 metros, actuando na gabia da marxe esquerda para convertela en gabia transitable.
A intervención completouse con traballos de reforzo do firme, a mellora da drenaxe transversal, sinalización e instalación de barreiras de seguridade.
Atendendo á petición do Concello, a Xunta vén de encargar a redacción do proxecto de pasarela peonil no punto quilométrico 31+780 da mesma OU-402.
O obxectivo é darlle continuidade ao itinerario peonil existente na marxe esquerda da estrada, antes da entrada no núcleo da Arnoia. Para isto é necesaria a execución dunha pasarela peonil para conectar os dous treitos da senda existentes, e permitir o cruce en condicións de seguridade en paralelo ao pontón existente. Esta nova intervención require da autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.
O Goberno galego segue a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións entre os municipios pequenos e do interior da comunidade.