A Xunta denuncia que a tramitación do novo regulamento xeral de Costas do Estado exhibe as mesmas eivas que a do anulado polo Tribunal Supremo

Estas imágenes pertenecen a xunta.gal

  • O Executivo galego censura que a consulta pública previa sobre esta normativa recolle xeneralidades incompatibles coa obriga legal de poñer a disposición da cidadanía toda a información necesaria para emitir unha opinión fundamentada
  • Ángeles Vázquez advirte de que o Goberno central podería aprobar o mesmo texto que anulou a Xustiza ou endurecelo en cuestións como os prazos das concesións pois non explica que quere facer co litoral e coas actividades que se desenvolven nel
  • A vicepresidenta segunda en funcións cuestiona a pretensión de ampliar a extensión da titularidade do dominio público marítimo-terrestre -que vai en prexuízo da propiedade privada e das competencias das autonomías e dos concellos- e defende a necesidade de abordar a normativa cun enfoque local e integrado
  • Alfonso Villares lamenta os ataques continuos do Ministerio de Transición Ecolóxica contra un sector estratéxico como o marítimo-pesqueiro e reclama fórmulas que aporten voz ás comunidades e aos representantes desta actividade

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

A Xunta de Galicia denuncia que a tramitación do novo regulamento xeral de Costas do Estado iniciada polo Goberno central exhibe as mesmas eivas que o anulado recentemente polo Tribunal Supremo. De feito, a consulta pública previa sobre esta norma -aberta desde o pasado 1 de marzo ata hoxe- semella máis formal que real ao expoñer xeneralidades que son incompatibles coa función desta fase do proceso lexislativo na que as distintas entidades, organizacións e persoas ás que lle afecta a normativa poden facer as súas aportacións, precisións e suxestións sobre as cuestións que deben incluírse nela.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, expuxeron en rolda de prensa as alegacións que vai enviar hoxe Galicia ao Executivo central -ás que se adheriron preto dunha trintena de concellos e as principais entidades do complexo mar-industria- e subliñaron que o Executivo galego defenderá os intereses da comunidade ata o final, como fixo co anterior regulamento, que estaba recorrido nos tribunais pola Xunta no momento en que foi anulado pola Xustiza.

A Administración autonómica entende que o Goberno central simplemente quere cumprir co procedemento de consulta que se saltou na anterior tramitación -que lle supuxo a anulación- e volver aprobar o mesmo texto ou incluso un máis restritivo que o anterior pois apenas aporta información sobre o que quere facer co litoral e coas actividades que se desenvolven nel. Por iso, a Xunta ve eivas como que debería poñerse a disposición das administracións e da cidadanía información máis precisa e clara sobre as pretensións do novo regulamento ao tempo que un prazo máis amplo de consulta.

"Estamos ante unha tramitación na que semella que non vai haber modificacións substanciais do texto e na que partimos de novo de premisas totalmente erradas: que a costa está masificada ou a equiparación de Galicia co Mediterráneo", lamentou a vicepresidenta segunda en funcións. Nesta liña, incidiu en que a consulta pública previa obvia totalmente os antecedentes e incumpre a obriga legal de poñer a disposición dos cidadáns toda a información necesaria para emitir unha opinión fundamentada.

Sen documentación

A lei establece, salientou, que neste trámite debe facilitarse documentación sobre os problemas a solucionar coa nova normativa, a necesidade e oportunidade do texto, os seus obxectivos e as posibles solucións alternativas. "Pero non se di nada disto nin se especifican os problemas concretos que se queren solucionar senón que se fai unha referencia xenérica á extraordinaria presión humana da franxa costeira e á suba do nivel do mar, unha variable de cambio climático que xa aparece en varios artigos da vixente lei de Costas estatal. Todo un sen sentido", aseverou Ángeles Vázquez.

Por iso, a responsable autonómica defendeu que unha regulación deste calado debe incluír necesariamente tanto un enfoque local como ecosistémico e integrado, que era a base da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia recorrida polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional. Esa visión integrada, engadiu, é fundamental para harmonizar a xestión dos recursos naturais co desenvolvemento económico e social, unha cuestión vital para moitas zonas costeiras galegas.

Precisamente, en relación coas instalacións asentadas no litoral, o texto da consulta pública previa unicamente fai referencia á necesidade de regular os criterios sobre as concesións e prórrogas, a limitar a súa duración e a acudir a concurso para acceder a elas. Novamente, faino sen aportar detalles, polo que podería manter ou incluso endurecer o texto do regulamento anulado -que acurtaba a duración das concesións pasando por norma xeral de 50 anos a 30 malia que a lei permite ata 75 anos- e non xustifica a intención de fixar unha concorrencia competitiva para obter esas concesións.

A vicepresidenta segunda en funcións tamén mostrou a súa preocupación coa intención de ampliar a extensión da titularidade do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) coa única finalidade de eliminar calquera vestixio de presenza humana da costa. De feito, lembrou que o anterior texto dicía que se podería ampliar o DPMT ata aquel punto ao que chegase unha onda nun día de temporal. "Un auténtico exceso que iría en prexuízo da propiedade privada e das competencias das comunidades autónomas e concellos", concluíu Ángeles Vázquez.  

O conselleiro do Mar en funcións, pola súa banda, destacou que resulta fundamental aportar seguridade xurídica ao sector marítimo-pesqueiro, unha das prioridades da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. Unha norma que, fóra de toda lóxica, recorreu o Estado ante o Tribunal Constitucional e que, elaborada a partir do consenso coa cadea mar-industria, buscaba asegurar e dar estabilidade ás máis de 4.000 edificacións localizadas en zona marítimo-terrestre, entre as que se atopan máis dun centenar de empresas e preto de 60 lonxas.

Cadea mar-industria

Alfonso Villares reiterou que o conxunto de actividades do mar -que van desde a extracción dos recursos pesqueiros e acuícolas ata a súa transformación e distribución- xeran arredor de 9.000 millóns de euros de volume de negocio anual, roldan os 2.800 millóns de euros en exportacións e son o medio de vida de máis de 40.000 persoas. Constitúen, por tanto, unha actividade esencial e estratéxica para Galicia pola que a Xunta vai chegar ata o final na defensa dos seus intereses.

Nesta liña, denunciou os continuos ataques do Ministerio para a Transición Ecolóxica contra o conxunto das actividades marítimo-pesqueiras, sen avaliar o impacto social e económico desas decisións e sen que se produza mediación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para tratar de frealas.

O titular de Mar apelou á necesidade de establecer vías de diálogo específicas coas  comunidades autónomas e o sector pesqueiro ante este tipo de actuacións, e non só en relación co regulamento xeral de Costas senón tamén noutras cuestións como unha revisión xusta e realista dos Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) para asegurar a compatibilidade do desenvolvemento da eólica mariña coa pesca. Ademais, pediu a creación dun grupo de traballo no que estean presentes o sector pesqueiro e as autonomías para definir a ampliación dos espazos mariños protexidos promovida pola UE e blindar actividades preexistentes como a pesca, o marisqueo e a acuicultura.

"" https://govclipping.com/modules/controller/UserDatasetActionsController.php Lista creada! La lista ha sido creada y la noticia añadida correctamente. Lista modificada! El título de la lista ha sido modificada correctamente. Eliminar lista: @text@ ¿Estás seguro de que quieres eliminar esta lista? Todas las noticias que contiene serán desmarcadas. Lista eliminada! La lista ha sido eliminada correctamente. Error! Error al eliminar la lista. Aceptar Cancelar https://govclipping.com/modules/controller/NewslettersController.php ¡Suscripción realizada! Te has suscrito correctamente a la newsletter de GovClipping. Algo salió mal No ha sido posible suscribirte a la newsletter. Vuelve a introducir tu email o inténtalo de nuevo más tarde.
23211 {"title":"A Xunta denuncia que a tramitación do novo regulamento xeral de Costas do Estado exhibe as mesmas eivas que a do anulado polo Tribunal Supremo","published_date":"2024-03-22","region":"galicia","region_text":"Galicia","category":"press_release","category_text":"Notas de prensa","image":"https:\/\/www.xunta.gal\/documents\/35297\/773450\/240322+AVM+ROLDA+REGULAMENTO+COSTAS.jpg","id":"23211"} galicia C. do Mar; https://govclipping.com/modules/controller/ArticlesController.php https://govclipping.com/modules/controller/ReferencesController.php Resaltar Quitar resaltado https://govclipping.com/es/galicia/press_release/2024-03-22/23211-xunta-denuncia-tramitacion-do-novo-regulamento-xeral-costas-do-estado-exhibe-as-mesmas-eivas-do-anulado-polo-tribunal-supremo https://govclipping.com/signup https://govclipping.com/modules/controller/UserController.php Sector económico actualizado! El sector económico de tu perfil ha sido actualizado correctamente. Error Por algún motivo no hemos podido tramitar la petición. Vuelve a intentarlo más tarde.