A Xunta enxalza o legado do filólogo negreirés Xosé Luís Pensado no centenario do seu nacemento
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O secretario xeral de Política Lingüística participa na apertura do simposio organizado polo Centro Ramón Piñeiro que conmemora a vida do escritor
- Desenvólvese entre Santiago e Negreira con conferencias sobre a vida, obra e achegas deste significado lingüista e a descuberta dunha placa na súa casa natal

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe en Compostela na apertura do simposio Xose Luís Pensado, 100 anos (1924-2024), organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta para conmemorar o centenario do nacemento do filólogo negreirés, máximo estudoso e reivindicador da figura do padre Sarmiento.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades loou a figura "deste eminente filólogo do século XX que se ocupou de Galicia, da súa lingua e cultura, cando aínda non había unha filoloxía galega consolidada e que deu a coñecer mediante investigacións e edicións de calidade a obra sobranceira do Padre Sarmiento, claro precedente na reivindicación e no estudo do galego, pero tamén outras obras senlleiras do noso pasado medieval". Neste sentido, destacou que este traballos de difusión "sen dúbida contribuíu ao prestixio da literatura e da lingua propia de Galicia cando se atopaba nas súas horas máis baixas".
Tras o acto inaugural na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a xornada, que se desenvolve durante todo o día entre a capital galega e Negreira, comezou o ciclo de conferencias sobre a vida, obra e achegas deste significado lingüista. Da man dun grupo de docentes universitarios e de especialistas relacionados coa figura de Pensado, as seis disertacións céntrase en aspectos concretos como a súa contribución aos estudos do padre Sarmiento, as ideas sobre a gheada, a súa destacada presenza no ámbito universitario ou a relación que mantivo con institucións como a Real Academia Galega e a USC.
O simposio porá o broche de ouro durante o serán coa descuberta dunha placa conmemorativa na casa natal do propio Xosé Luís Pensado, en Negreira.
Unha vida ao servizo da lingua
Xosé Luís Pensado (Negreira, 1924- Salamanca, 2000) foi un filólogo, lingüista e profesor
que, entre outros aspectos, dedicou parte da súa vida á edición da obra do ilustrado frei Martín Sarmiento.
Estudou os dous primeiros cursos de Filosofía e Letras en Santiago para trasladarse despois a Madrid, onde cursou a especialidade de Filoloxía Románica e fixo a tese de doutoramento con Dámaso Alonso, con quen traballou ata que en 1957 gañou por oposición a cátedra de Filoloxía Románica da Universidade de Oviedo. De aí pasou á Universidade de Salamanca, cidade onde permaneceu ata a súa morte no ano 2000.
Foi membro de número da Real Academia Galega, correspondente da Real Academia Española e membro de honra da Academia de la Llingua Asturiana. Ademais, é autor de numerosos artigos sobre temas lingüísticos do século XVIII e doutras épocas, colaborou con Grial, publicou libros en Galaxia e divulgou temas relevantes da nosa realidade lingüística na prensa diaria.