A Xunta remata a nova senda na contorna do centro de control da AG-55 en Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Executouse un itinerario peonil de 300 metros na marxe esquerda da AC-552, para dar servizo aos traballadores do centro de control da autovía e aos veciños de Cazón, Camafreita e Denellón
- A senda, á que se destinou un investimento de case 50.000 €, tamén conecta as vivendas paralelas á AC-552, favorecéndose a seguridade viaria e a comodidade nos desprazamentos a pé pola estrada
- A Xunta segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de execución dunha nova senda na AC-552 na contorna do centro de control da autovía AG-55, ao paso pola parroquia de Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños.
A actuación, que comezou o pasado mes de outubro e supuxo un investimento de preto de 50.000 euros, centrouse na construción dun novo itinerario de uso fundamentalmente peonil na marxe esquerda da estrada AC-552, entre os puntos quilométricos 48+120 e o 48+405, que dá servizo aos operarios do centro de control da AG-55 e aos veciños dos núcleos de Cazón, Camafreita e Denellón.
Con esta intervención tamén se conectaron as vivendas que están paralelas á AC-552. Ata o de agora os veciños circulaban pola beiravía ao non dispor deste novo itinerario, que mellora a seguridade e a comodidade nos seus desprazamentos a pé.
O novo itinerario acada os preto de 300 metros de lonxitude cunha anchura media de 1,80 metros. Dispón de base de saburra artificial, de 10 centímetros de espesor, que serve de soporte ao pavimento da senda, e de cor terrizo natural.
Entre os quilómetros 48+200 e 48+276 a cota da senda é inferior á da estrada para adaptarse ás entradas existentes.
Dispúxose, ademais, un colector, que conecta coa rede de drenaxe existente e ao que desaugan unha serie de sumidoiros dispostos ao longo da traza do itinerario. Tamén se executaron pozos de rexistro.
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis cómodo e seguro.