Decreto polo que se regula o procedemento integrado para a obtención de títulos de intervención no litoral de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Estado actual: Consulta aberta
Prazo para remitir achegas/opinións: 10/06/2025 - 10/07/2025
Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.
Información sobre a norma :
-
Antecedentes:
O artigo 148.1.3 da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poden asumir a competencia sobre «ordenación do territorio, urbanismo e vivenda». Así o fixo Galicia, recoñecendo a citada competencia e incluíndo, ademais, a ordenación «do litoral», ao dispoñer no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía (en diante, EAG) que «no marco do presente estatuto corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as seguintes materias: 3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».
Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que se fundamenta, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o mar, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».
Como indica a exposición de motivos da Lei 4/2023, do 6 de xullo, «A integración exixe superar a visión sectorializada do litoral, en prol dunha xestión que tome en consideración os diversos usos e as actividades económicas que se proxectan e desenvolven no litoral, os diversos riscos e as ameazas que afecten os ecosistemas mariño-costeiros, así como as distintas administracións que concorran na súa ordenación e xestión, isto é, adoptar un enfoque integrado na xestión do litoral. É precisamente a aspiración de alcanzar unha xestión integrada do litoral a que exixe unha regulación como a presente, que distingue os espazos, os suxeitos e as actividades, mais sen esquecer que o litoral é unha entidade única e continua que require de regras de ordenación coherentes e de accións coordinadas».
A Lei dedica o capítulo V do seu Título III Usos e actividades no litoral ao réxime de intervención administrativa, isto é, aos diferentes títulos de intervención esixibles para levar a cabo os usos e as actividades que se declaran compatibles cos obxectivos de ordenación en cada unha das tres áreas de zonificación (área de protección ambiental, área de mellora ambiental e paisaxística e área de reordenación), aspirando a simplificar a tramitación a través dun procedemento integrado, a dar seguridade xurídica ás persoas usuarias do litoral e a establecer as condicións de outorgamento, desenvolvendo, cando for preciso, a normativa básica estatal e dando o protagonismo que lle corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma, con respecto ao marco constitucional, á normativa de costas e do medio mariño e ás facultades que lle corresponden ao Estado na súa condición de titular do dominio público marítimo-terrestre.
Cómpre destacar que o outorgamento das autorizacións e das concesións do dominio público marítimo-terrestre será competencia da Administración autonómica a partir do momento en que se produza o efectivo traspaso de funcións e servizos polo Estado, o que se producirá o vindeiro 1 de xullo.
Xunto ás autorizacións e ás concesións do dominio público marítimo-terrestre, a lei regula as autorizacións para os usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, o informe de avaliación paisaxística e a autorización ou o informe para os usos e as actividades sobre os espazos naturais protexidos.
Por último, e de forma innovadora, este capítulo da Lei introduce no seu artigo 53 un procedemento integrado, mediante o que o exercicio dun uso pretendido no litoral de Galicia poderase obter trala tramitación dun único procedemento, que integre, de resultar posible, todos os títulos de intervención requiridos pola normativa vixente.
Para estes efectos, as autorizacións autonómicas poderanse substituír pola emisión dun informe preceptivo e vinculante e na instrución do procedemento deberanse solicitar todos os informes preceptivos exixidos polas normas sectoriais, de costas ou de medio mariño. A resolución pola que se outorgue o título deberá incluír polo menos as condicións derivadas dos informes preceptivos e vinculantes que se emitiron.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
Este innovador procedemento integrado, previsto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, permitirá que o exercicio dun uso pretendido no litoral galego se poida obter trala tramitación dun único procedemento, que integre, de resultar posible, todos os títulos de intervención requiridos pola normativa vixente.
Así mesmo, este decreto adaptará ao disposto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, o vixente Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O artigo 53 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia establece:
"1. O exercicio do uso pretendido poderase obter trala tramitación dun único procedemento, que integre, de resultar posible, todos os títulos de intervención requiridos pola normativa vixente.
Para estes efectos, as autorizacións autonómicas poderanse substituír pola emisión dun informe preceptivo e vinculante.
2. Na instrución do procedemento deberanse solicitar todos os informes preceptivos exixidos polas normas sectoriais, de costas ou de medio mariño.
3. A resolución pola que se outorgue o título deberá incluír polo menos as condicións derivadas dos informes preceptivos e vinculantes que se emitiron. Así mesmo, debe quedar xustificada a razón da non inclusión das condicións derivadas dos informes non vinculantes que non se incorporen.
4. Este procedemento integrado será desenvolvido regulamentariamente."
-
Obxectivos:
Os obxectivos, polo tanto, que persegue a regulación deste novo procedemento integrado son os seguintes:
Simplificación administrativa
Ata o de agora, as persoas interesadas en obter un título habilitante para exercer unha actividade, uso ou ocupación no litoral en Galicia tiñan que acudir a diferentes organismos e Administracións e iniciar varios procedementos diferentes para un único obxectivo. A través do procedemento integrado, a cidadanía interesada terá un portelo único de tramitación e un único interlocutor para os seus trámites coa Administración.
Axilidade
A tramitación de diferentes títulos habilitantes nun único procedemento, que por outra banda será integramente dixital, redundará en prazos sensiblemente máis curtos para a obtención das correspondentes autorizacións.
Seguridade xurídica
O organismo responsable da tramitación do procedemento deberá solicitar todos os informes preceptivos exixidos polas normas sectoriais.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A través deste proceso participativo preténdese garantir que as persoas, centros directivos e entidades interesadas presenten as súas achegas e suxestións en relación á regulación deste procedemento integrado.
-
Rango da norma:
Decreto