Decreto polo que se regulan as entidades de certificación de conformidade municipal na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu rexistro
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Órgano ou entidade impulsora: Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Departamento: Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas - Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Estado actual: Consulta aberta
Prazo para remitir achegas/opinións: 14/01/2025 - 03/02/2025
Forma de remitir achegas/opinións: poderán ser presentadas cantas achegas/opinións se estimen convenientes por vía electrónica a través do formulario habilitado nesta mesma páxina.
Información sobre a norma :
-
Antecedentes:
A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, regulou, por primeira vez na nosa comunidade autónoma, a figura das entidades de certificación de conformidade municipal, coa finalidade de habilitar a súa intervención, con carácter facultativo, no desenvolvemento de actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das instalacións, dos establecementos e das actividades coa normativa de aplicación en cada caso no ámbito municipal.
Posteriormente, o Regulamento único de regulación integrada de actividades económicas e apertura de establecementos, aprobado polo Decreto 144/2016, do 22 de setembro, recolleu no seu Título IV unha regulación detallada das entidades de certificación de conformidade municipal.
A intervención destas entidades permite simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, moitas veces limitados, dotando, deste xeito, á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables, en cada momento, ás necesidades de verificación, inspección e control.
Por esta razón, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia deu un paso máis na colaboración entre a Administración e as entidades de certificación de conformidade municipal ao introducir tamén no ámbito urbanístico a posibilidade de que as devanditas entidades puidesen colaborar cos concellos para facilitar e reducir os prazos para o outorgamento dos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística relativos aos actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo para a implantación das iniciativas empresariais e para as actuacións de desenvolvemento de solo empresarial ou residencial.
Finalmente, a Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na liña de seguir avanzando na senda da simplificación administrativa, modificou a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, facendo extensible a intervención destas entidades nos títulos habilitantes municipais de natureza urbanística que teñen por obxecto actos de edificación ou uso do solo ou do subsolo. Isto permitiu unha redución dos prazos de resolución das licenzas a un mes, fronte aos tres meses que rexían ata o momento, así como a produción de efectos inmediatos das comunicacións previas desde o mesmo momento da súa presentación. Non obstante, a normativa urbanística remitía á Lei 9/2013, do 19 de decembro, no que atinxe aos requisitos técnicos, de persoal de independencia e de acreditación das devanditas entidades.
A experiencia acumulada durante estes anos puxo en evidencia que a intervención das entidades de certificación de conformidade municipal permite simplificar os procedementos administrativos e optimizar o uso dos recursos públicos, moitas veces limitados, dotando, deste xeito, á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables, en cada momento, ás necesidades de verificación, inspección e control.
Neste contexto, a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas modificou tanto a Lei 9/2013, do 19 de decembro, como a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, coa finalidade de unificar o réxime xurídico destas entidades e atribuír á consellería competente en materia de urbanismo as funcións relativas á súa autorización e rexistro, así como a competencia sancionadora.
Esta norma, ademais, en consoancia coas distintas medidas de simplificación que se veñen adoptando, atribuíu ás certificacións de conformidade que acompañen ás solicitudes de licenza urbanística a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos automaticamente polas devanditas certificacións, establecendo, ao mesmo tempo, mecanismos de salvagarda do principio de autonomía local.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
A nova norma trata de aglutinar e actualizar a normativa existente, mediante unha regulación única, integral e pormenorizada do réxime xurídico destas entidades, tanto no eido das actuacións urbanísticas como da implantación de actividades e apertura de establecementos.
Así mesmo, a adscrición do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia á consellería competente en materia de urbanismo exixe a aprobación dunha norma que, en desenvolvemento do mandato legal, regule a organización e estrutura do devandito rexistro, así como o procedemento de inscrición.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
A aprobación desta norma resulta necesaria en tanto que as recentes modificacións introducidas pola Lei de medidas fiscais e administrativas deben levar aparellado o correspondente desenvolvemento regulamentario, que reforce a confianza da cidadanía e das Administracións públicas nestas entidades, posibilitando a optimización de todos os recursos públicos ao dotar á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables ás necesidades de verificación, inspección e control en cada momento.
-
Obxectivos:
- Desenvolver o réxime xurídico de todas as entidades de certificación de conformidade municipal na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as previstas na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, como as recollidas na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Concretamente, a futura norma regulará as funcións e os requisitos destas entidades, as súas obrigas e incompatibilidades, o procedemento para atender as reclamacións que se presenten contra as súas actuacións e as especificacións derivadas do réxime sancionador.
- Desenvolver a regulación do Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de urbanismo.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A regulación proposta debe realizarse mediante unha norma con rango de decreto, en virtude dos mandatos recollidos nos artigos 146.bis) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 47 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que remiten ao correspondente desenvolvemento regulamentario.
Neste caso non existe ningunha solución alternativa non regulatoria que poida acadar os fins perseguidos, toda vez que a aprobación do decreto constitúe un mandato legal nos termos establecidos nas normas mencionadas.
-
Rango da norma:
Decreto