Decreto polo que se regula o Foro do Litoral de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Departamento: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático - Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 22/10/2024 - 22/11/2024
Información sobre a norma :
-
Antecedentes:
O artigo 148.1.3 da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poden asumir a competencia sobre «ordenación do territorio, urbanismo e vivenda». Así o fixo Galicia, recoñecendo a citada competencia e incluíndo, ademais, a ordenación «do litoral», ao dispoñer no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía (en diante, EAG) que «no marco do presente estatuto corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as seguintes materias: 3. Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda».
Sobre a base das competencias autonómicas en materia de ordenación do territorio e do litoral (artigo 27.3 do EAG) aprobouse a Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que se fundamenta, ademais, noutros títulos competenciais cando as súas previsións se proxectan sobre o mar, tales como a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma sobre a pesca nas rías e nas demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura (artigo 27.15 do EAG) e sobre os portos autonómicos (artigo 27.9 do EAG), a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de ordenación do sector pesqueiro (artigo 28.5 do EAG) e portos pesqueiros (artigo 28.6 do EAG), ou a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de salvamento marítimo (artigo 20.3 do EAG) e verteduras industriais e contaminantes nas augas territoriais do Estado correspondentes ao litoral galego (artigo 29.4 do EAG), por citar os títulos máis significativos. Débense engadir á anterior relación as competencias que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ambiente, que foron progresivamente perfiladas polo Tribunal Constitucional na interpretación do artigo 149.1.23 da Constitución española, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva para ditar a «lexislación básica sobre a protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de estableceren normas adicionais de protección», e da asunción estatutaria das competencias, como a realizada no artigo 27.30 do Estatuto de autonomía de Galicia, ao recoñecer a competencia exclusiva da materia «normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe nos termos do artigo 149.1.23».
Como indica o artigo 1.2 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, a ordenación e xestión integrada do litoral comprende, entre outros aspectos, o establecemento dunha organización administrativa do litoral que garanta a xestión integrada a través de técnicas adecuadas e efectivas de coordinación, colaboración, cooperación e participación.
No capítulo II do título preliminar da Lei 4/2023, do 6 de xullo, establécese que o deseño, a aprobación e a xestión dos instrumentos de ordenación do litoral, así como a toma de decisións sobre os usos e actividades que se realicen no litoral, se basearán no enfoque ecosistémico e na xestión integrada, respectando os principios de desenvolvemento sustentable, precaución ou cautela, prevención, non-regresión, quen contamina paga, participación e uso das mellores e máis recentes evidencias científicas dispoñibles e dos coñecementos tradicionais (artigo 4).
En virtude do anterior, o capítulo VI da Lei 4/2023, do 6 de xullo, refírese aos Órganos de participación, consulta e asesoramento: a Xunta Consultiva en Materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Foro do Litoral de Galicia.
O artigo 16.1 da devandita norma crea o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
- Garantir o cumprimento dos principios xerais da xestión integrada do litoral previstos na Lei 4/2023, do 6 de xullo:
- Ter especialmente en conta a riqueza biolóxica, a dinámica e o funcionamento natural dos espazos intermareais, así como a complementariedade e a interdependencia entre os espazos terrestres e mariños, que constitúen unha entidade única.
- Tomar en consideración de maneira integrada o conxunto dos elementos relativos aos sistemas hidrolóxicos, xeomorfolóxicos, climáticos, ecolóxicos, socioeconómicos e culturais para non superar a capacidade de carga e de acollida do litoral e para previr os efectos negativos do cambio climático, das catástrofes naturais e do desenvolvemento.
- Ter en conta a multiplicidade e a diversidade de actividades no litoral e dar prioridade aos servizos públicos e ás actividades que requiran, para os efectos de utilización e localización, a proximidade do mar.
- Formular estratexias, plans e programas de uso do solo que abarquen o urbanismo, as actividades socioeconómicas, así como outras políticas sectoriais pertinentes.
- Garantir unha ordenación equilibrada do territorio nos espazos terrestres do litoral e evitar unha concentración e unha expansión urbanas que poidan poñer en perigo os ecosistemas costeiros.
- Proceder a avaliacións preliminares dos riscos relacionados coas diversas actividades humanas e infraestruturas co fin de evitar os seus impactos negativos nos espazos litorais e, de estes se produciren, realizar unha restauración adecuada.
- Garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente, de maneira adecuada e oportuna, nun proceso de decisión transparente, das poboacións locais e dos sectores da sociedade civil interesados no litoral.
- Garantir unha coordinación institucional intersectorial organizada dos diversos servizos administrativos e das autoridades autonómicas e locais con competencias sobre o litoral.
- Garantir o cumprimento do principio de participación previsto na Lei 4/2023, do 6 de xullo:
- As Administracións públicas de Galicia velarán pola participación das poboacións locais, dos operadores económicos, dos axentes sociais e da sociedade civil na ordenación do litoral.
- A participación deberá ser suficiente, adecuada, informada e eficaz. Para tal fin, facilitaráselles información a todas as posibles persoas interesadas e consultaranse os grupos de interese e as autoridades pertinentes, de conformidade co establecido na normativa reguladora dos dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de medio ambiente.
- Alén da presentación de alegacións durante o período de información pública previsto na normativa de procedemento administrativo, garantirase a participación nas fases de formulación, aplicación e avaliación das estratexias, dos plans, dos proxectos ou dos programas.
- Garantir o cumprimento dos principios xerais da xestión integrada do litoral previstos na Lei 4/2023, do 6 de xullo:
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
Coa súa aprobación darase cumprimento ao artigo 16.2 da Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que crea o Foro do Litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
Con este novo paso, o Goberno galego continúa avanzando no desenvolvemento da Loxilga.
-
Obxectivos:
O futuro decreto terá por obxecto a regulación da composición e o réxime de funcionamento do Foro do Litoral, para o cumprimento dos fins e a realización das funcións que lle atribúe a Lei 4/2023, de 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia como o máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral, integrado polas Administracións, as universidades, os organismos científicos, as organizacións dos sectores produtivos, as organizacións ambientais e aquelas que teñan por obxectivo a defensa e a protección do patrimonio cultural.
O Foro do Litoral de Galicia estará adscrito á consellería competente en materia de medio ambiente. Determinará regulamentariamente a composición e o réxime de funcionamento do Foro do Litoral como novo órgano de participación, consulta e asesoramento.
-
Posibles solucións, alternativas, regulatorias e non regulatorias:
A través deste proceso participativo preténdese garantir que as organizacións e entidades interesadas presenten as súas achegas e suxestións en relación á composición e réxime de funcionamento deste órgano colexiado.
-
Rango da norma:
Decreto
Achegas e opinións recibidas: 11