Decreto polo que se regula a protección, explotación e transferencia da propiedade industrial e intelectual no ámbito da Formación Profesional de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
Órgano ou entidade impulsora: Dirección Xeral de Formación Profesional
Departamento: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional - Dirección Xeral de Formación Profesional
Estado actual: Consulta pechada
Prazo no que estivo aberta a consulta: 29/05/2024 - 12/06/2024
Información sobre a norma :
-
Antecedentes:
A Lei 17/2022, de 5 de setembro, pola que se modifica a Lei 14/2011, de 1 de xuño, da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, insta ás Administracións públicas a fomentar a protección, a valorización e a transferencia dos resultados da súa actividade investigadora co obxecto de que os devanditos resultados sexan transferidos á sociedade.
A Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 ten como un dos seus principios inspiradores a colaboración público-privada, destacando dentro dos seus eixes a innovación, a dixitalización e o emprendemento, e establecendo obxectivos como son o impulso da innovación aplicada na Formación Profesional e o desenvolvemento de iniciativas de emprendemento en colaboración co tecido produtivo galego.
A Orde do 7 de outubro de 2022 pola que se regulan a organización e o funcionamento do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional establece que o centro poderá xestionar a protección dos resultados e propiedade dos seus proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación a través de patentes ou outras figuras legais.
-
Problemas que se pretenden solucionar:
- Garantir un marco xurídico que protexa adecuadamente as creacións e invencións xurdidas no ámbito da Formación Profesional.
- Fomentar a innovación e a creatividade no ámbito da Formación Profesional ao regular os beneficios que as persoas inventoras poidan obter a partir das súas creacións.
- Promover a transferencia de tecnoloxía e coñecemento cara ao sector produtivo ao reducir barreiras e incertezas que poidan existir entre as partes interesadas.
-
Necesidade e oportunidade da súa aprobación:
O presente decreto responde á vontade do establecemento de mecanismos para protexer e fomentar a explotación da propiedade industrial e intelectual dos resultados de investigación e innovación aplicada obtidos no ámbito da Formación Profesional de Galicia, tanto en proxectos que o persoal leve a cabo nos centros que imparten Formación Profesional e/ou no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional, así como no marco das colaboracións desenvolvidas con outras entidades públicas ou privadas.
-
Obxectivos:
O presente decreto ten por obxecto regular a titularidade, protección e explotación dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos no ámbito da Formación Profesional de Galicia, sendo de aplicación aos resultados de investigación e innovación aplicada xerados no ámbito da Formación Profesional nos centros educativos dependentes da consellería con competencias en materia de Formación Profesional, así como no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional.
-
Rango da norma:
Decreto