Manuel Pardo subliña as actividades e a implicación da Xunta pola presenza da muller no eido tecnolóxico
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- Para o delegado territorial trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM
- O obradoiro 'Girl Steam' é iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico
- No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento
Ourense, 16 de xullo de 2024
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Leiro para participar do inicio do obradoiro 'Girl Steam'; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Manuel Pardo estivo acompañado polo alcalde, Francisco José Fernández e pola directora da Aula CeMIT, Alicia Vázquez.
O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.
Manuel Pardo explicou que na provincia de Ourense desenvolverase esta actividade tamén no concello de Celanova os vindeiros 31 de xullo e 12 de agosto; en total 14 concellos de toda Galicia. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Participan 15 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que se achegarán ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.
A aposta da Amtega polo fomento do talento dixital galego
Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.
Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.
Reunión co alcalde de Leiro
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no municipio para manter un encontro co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
Manuel Pardo, despois de repasar asuntos de interese mutuo para as dúas administracións e avaliar posibles vías de colaboración, trasladoulle "o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello de Leiro".