A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanza cambios lexislativos para dar máis axilidade e seguridade xurídica ao ordenamento territorial

Estas imágenes pertenecen a xunta.gal

  • Anuncia que o Goberno galego acometerá os axustes precisos na Lei do Solo, na Lei de Ordenación do Territorio, na Lei de Vivenda, na Lei de Rehabilitación e nas Normas de Habitabilidade para axilizar os prazos nos procedementos de desenvolvemento de solo e execución ou rehabilitación de vivendas, garantindo a seguridade xurídica
  • En materia de Vivenda, Allegue subliña que xa están cumpridas ou en execución o 93% das medidas incluídas no Pacto da Vivenda 2021-2025, o que supuxo entre 2021 e 2023, a concesión de axudas por 286M€ que beneficiaron a 304 concellos
  • A conselleira destaca os preto de 140M€ no exercicio actual destinado a programas e liñas axudas tanto para mellorar o acceso á vivenda como para seguir incremento o parque público de vivendas a través da rehabilitación ou nova construción
  • As infraestruturas viarias absorben este ano 240M€, dos que 53M€ corresponden ao investimento para a conservación das estradas autonómicas, con 28M€ exclusivamente para renovación de firmes

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou hoxe na súa comparecencia no Parlamento "a axilización e simplificación administrativa sempre desde a seguridade xurídica" dos procedementos vinculados ao desenvolvemento de actuacións urbanísticas e de ordenación do territorio como un dos principais obxectivos para esta lexislatura.

A este respecto, Martínez Allegue apuntou coma un dos grandes retos desta Consellería o de avanzar nun urbanismo responsable que permita que todos os concellos de Galicia se doten dun planeamento de calidade nun prazo razoable. Obxectivo que se está a abordar "desde unha planificación rigorosa e realista" para facer os axustes precisos na Lei do Solo, na Lei de Ordenación do Territorio, na Lei de Vivenda, na Lei de Rehabilitación ou nas Normas de Habitabilidade "para conseguir que os procedementos de desenvolvemento de solo e execución ou rehabilitación de vivendas se realicen en prazos razoables, garantindo sempre a seguridade xurídica das actuacións e atendendo as necesidades e demandas dos usuarios finais das edificacións", explicou. O compromiso pasa,  en definitiva, por avanzar tamén na desburocratización, "baixo os principios de eficiencia e seguridade xurídica".

Neste mesmo obxectivo, Martínez Allegue tamén anunciou os avances para a incorporación das entidades de certificación de conformidade municipal, as coñecidas como ECCOM ao ámbito urbanístico, "o que nos permitirá incorporar unha ferramenta cun alto grao de especialización técnica para a facilitar aos concellos que se outorguen as licenzas urbanísticas "o máis axiña posible e que as comunicacións previas urbanísticas poidan producir efectos inmediatos logo da súa presentación"

Martínez Allegue abondou tamén nos avances feitos na dotación de plans de ordenación municipal a través da aplicación do Plan Básico Autonómico de Galicia, que permite redactar os Plans Básicos Municipais para os concellos de menos de 5.000 habitantes. En total son 38 os municipios os que están nesta situación, e aos que a Consellería destina para este ano 2,5M€. Na actualidade xa culminaron estes plans os concellos de Trabada, Riotorto, Ribeira de Piquín e O Páramo, mentres que se avanza nos de Cartelle, Porqueira, Padrenda, Triacastela, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Dozón.

De feito, nos últimos 15 anos aprobáronse 90 novos PXOMs e Galicia que xa ten "o 40% da súa superficie ordenada, mellorando a calidade de vida dun porcentaxe de poboación semellante, e que esperamos ver incrementada notoriamente pronto, cando o Concello de Vigo conclúa o seu labor de planificación".

De xeito paralelo ao urbanismo, un dos grandes "cabalos de batalla" da Consellería é a Vivenda, "non só desta lexislatura senón das próximas, porque nos xogamos construír unha Galicia viable e habitable, unha Galicia de futuro". "Así tamén se debuxa nos orzamentos para 2025 -dixo Allegue-, onde a aposta pola Vivenda volverá ser capital para o Goberno da Xunta".

"É un reto complexo e ilusionante, no que estamos a traballar desde o primeiro día, poñendo en valor as políticas despregadas ata o de agora e traballando con novas estratexias e ferramenta, implicando a todos os axentes e desde unha perspectiva ampla que nos permita incrementar o parque de Vivenda Pública".

A conselleira destacou que a política que se está a desenvolver estrutúrase en  tres grandes eixos: a incorporación de vivenda pública; o desenvolvemento de solo residencial para vivenda protexida e o programa de axudas orientadas á dar resposta ás necesidades habitacionais da cidadanía. Citou que xa están cumpridas ou en execución o 93% das medidas incluídas no Pacto da Vivenda 2021-2025, o que supuxo polo de agora a concesión de axudas por 286M€ que beneficiaron a 304 concellos.

Mais de 800 vivendas en execución e outras 823 en solos propiedade do IGVS

O compromiso é duplicar o número de vivendas protexidas ata chegar ás 8.000, "o que implica construír 3.500 novas vivendas nesta lexislatura", segundo Allegue. Desta última cifra, están xa en execución 808 (cun investimento de 140M€), programadas outras 823 en solos propiedade da Xunta (145M€) e negóciase a cesión de solo en varios concellos onde existe demanda acreditada para construír outras 1.457 vivendas, cun investimento de 270M€. Ademais, a Xunta investirá mais de 10M€ para adquirir preto de 175 vivendas, a particulares e á Sareb, sempre que o Ministerio desvele o número delas e a súa situación, coma xa solicitou na súa primeira reunión oficial coa Ministra.

Ademais, a nova Estratexia Galega de Solo Residencial márcase como obxectivo facilitar solo para construír 25.000 novas vivendas, das que 20.000 serán protexidas e 5.000 libres.

140 millóns de euros de axudas para concellos, cooperativas e promotores en 2024

 No que atinxe ás axudas, a conselleira subliñou que neste ano estase a poñer a disposición da cidadanía un orzamento de 140M€, destinado á adquisición de vivendas, axudas destinadas ao alugueiro, a nova liña de axudas dirixida a promotores e cooperativas para creación de vivendas de aluguer e as achegas destinadas á rehabilitacións, mellora da accesibilidade, rehabilitación enerxética ou axudas para que concellos poidan desenvolver actuacións de recuperación de vivendas.

Así mesmo, no 2025 comezarase a traballar no seno do Observatorio de Vivenda de Galicia o novo Pacto de Vivenda para o período 2026-2030, que Martínez Allegue confía en que poida ser aprobado por todos os actores implicados, "porque é a nosa forma de entender o deseño e aplicación das políticas públicas, dando participación a todo o sector, escoitando as propostas, buscando acordos e consensuando medidas eficaces, corrixindo ou modificando aquelas con menor éxito ou resultados". "Quero aproveitar tamén esta comparecencia -engadiu- para tenderlle a man a todas as administracións e a todos os grupos de goberno desta Cámara para traballar a favor de darlle unha resposta á cidadanía, lonxe de titulares e miradas curtopracistas".

Estradas mais seguras e mais económicas

Durante a súa comparecencia, a conselleira fixo fincapé en que todas as medidas  responden a unha planificación a curto, medio e longo prazo, "que nos permita dar resposta ás necesidades urxentes, pero tamén ás importantes".

Unha planificación especialmente importante no ámbito das infraestruturas, materia onde a conselleira destacou que hoxe, a rede viaria autonómica, con preto de 5.500 quilómetros de estradas, "é a máis extensa, máis segura e máis económica para os galegos", ao contar con 220 quilómetros máis de vías de alta capacidade libres de peaxes que no 2009 e tras baixar a siniestralidade nun 60% ao actuar nos treitos de concentración de accidentes.

Sinalou que as infraestruturas viarias absorben este ano 240M€ e reiterou que deste orzamento, o investimento  para a conservación das estradas autonómicas ascende a 53M€, dos que 28M€ son exclusivamente para renovación de firmes e incluirán a renovación completa da rodadura do treito autonómico da autoestrada Santiago-Ourense, que estará lista a finais de ano cunha actuación de máis de 5M€.

Ademais de seguir ampliando na medida do posible a conversión dos corredores en autovías, a Xunta comezará este ano a desenvolver unha nova estratexia para seguir actuando nos treitos de concentración de accidentes, actuando en 21 novos tramos, cun investimento de case 6,5M€ e, no marco da nova Estratexia 2024-2027, intervirase para mellorar máis dun cento de Treitos de Alto Potencial de Mellora ao longo de 480 km, cun investimento de máis de 17M€.

Outras medidas serán a execución das variantes de cidades e vilas como Lugo, Ourense, Carballo ou Ribeira; a mellora da seguridade viaria das travesías, favorecendo a súa integración nos núcleos urbanos; a reforestación das vías de alta capacidade con máis de 250.000 árbores non pirófitas; a revisión das máis de 1.800 pontes e viadutos da rede de estradas autonómicas para diagnosticar o estado de conservación e actuar onde sexa necesario; a implantación de valados nas estradas e o avance na implantación de sistemas que permitan contar con Estradas Intelixentes, dixitalizando documentación e implantando sistemas que ofrezan información ou indicacións útiles para os condutores.

Ampliación do Plan de Sendas

Ademais, fortalecerase o Plan de Sendas, que conta actualmente con case 300 quilómetros,  coa construción de preto de 150 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, por importe de máis de 36M€, en Pontevedra, Ourense, A Coruña, Vigo e nas comarcas de Bergantiños, Baixo Miño, O Deza, O Condado, Barbanza ou Lemos.  A conselleira aproveitou a súa intervención para reiterar que a Xunta seguirá dando a batalla por un "trato xusto" para Galicia e a traballar "por unha AP-9 galega e pola liberación das peaxes da AP-53 e tamén da AP-9".

Finalmente, no eido das infraestruturas sanitarias, Martínez Allegue sinalou que Galicia é un referente tanto polo volume como pola complexidade dos proxectos que está desenvolvendo, xa que se traballa simultaneamente no Novo Montecelo e nas ampliacións dos hospitais de Ourense, Santiago e Ferrol, ademais de iniciar o novo Chuac na Coruña, cun orzamento mobilizado ata agora de case 400 M€. Sen esquecer, "obras tan importantes tamén coma ao de novo Centro de Saúde de Vilargacía, ou o CIS de Lalín, o Olimpia Valencia de Vigo, o centro de saúde de A Rúa, A Milagrosa ou Abegondo".

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salientou este principio de coordinación e colaboración con outras consellerías maniféstase tamén noutras actuacións coma o centro de Ciberseguridade de Galicia en San Cibrao das Viñas ou o novo edificio administrativo de San Caetano.

"Temos por diante grandes retos que acaderemos entre todos, desde a gobernaza, a planificación e a vontade política porque o obxetivo da vivenda ou das infraestrutuas deben ser obxectivos comúns",salientou.

"" https://govclipping.com/modules/controller/UserDatasetActionsController.php Lista creada! La lista ha sido creada y la noticia añadida correctamente. Lista modificada! El título de la lista ha sido modificada correctamente. Eliminar lista: @text@ ¿Estás seguro de que quieres eliminar esta lista? Todas las noticias que contiene serán desmarcadas. Lista eliminada! La lista ha sido eliminada correctamente. Error! Error al eliminar la lista. Aceptar Cancelar https://govclipping.com/modules/controller/NewslettersController.php ¡Suscripción realizada! Te has suscrito correctamente a la newsletter de GovClipping. Algo salió mal No ha sido posible suscribirte a la newsletter. Vuelve a introducir tu email o inténtalo de nuevo más tarde.
286918 {"title":"A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanza cambios lexislativos para dar máis axilidade e seguridade xurídica ao ordenamento territorial","published_date":"2024-06-25","region":"galicia","region_text":"Galicia","category":"press_release","category_text":"Notas de prensa","image":"https:\/\/www.xunta.gal\/documents\/35297\/1150825\/240625_VivendaPlanificacion_Pleno_MAC-03.JPG","id":"286918"} galicia C. de Vivenda e Planificación de Infraestruturas https://govclipping.com/modules/controller/ArticlesController.php https://govclipping.com/modules/controller/ReferencesController.php Resaltar Quitar resaltado https://govclipping.com/es/galicia/press_release/2024-06-25/286918-conselleira-vivenda-e-planificacion-infraestruturas-avanza-cambios-lexislativos-dar-mais-axilidade-e-seguridade-xuridica-ao-ordenamento-territorial https://govclipping.com/signup https://govclipping.com/modules/controller/UserController.php Sector económico actualizado! El sector económico de tu perfil ha sido actualizado correctamente. Error Por algún motivo no hemos podido tramitar la petición. Vuelve a intentarlo más tarde.