O secretario xeral de Universidades enxalza os programas de doutoramento no 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia
- José Alberto Díez participa na inauguración do simposio organizado pola Facultade de Ciencias de Educación da USC
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou hoxe no acto de inauguración do Simposio internacional sobre o doutoramento en Educación. Coñecemento e acción transformadora, para celebrar o 50 aniversario dos estudos de Pedagoxía en Galicia.
Organizado pola Facultade de Ciencias da Educación, xunto co Departamento de Pedagoxía e Didáctica e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), o simposio quere servir como punto de encontro entre investigadores do ámbito da Educación para analizar a situación e perspectivas do Doutoramento en Educación no marco dunha sociedade do coñecemento. "Estes encontros, que apoiamos desde a Xunta de Galicia, son fundamentais para continuar mellorando o noso sistema universitario e a calidade dos seus estudos, onde os programas de doutoramento son fundamentais", afirmou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
O encontro, que se prolongará ata mañá, busca poñer en común entre os participantes a relevancia e calidade dos programas de doutoramento, para estudar as súas disintas modalidades e xerar espazos de debate e participación dos estudantes. Nel participan doutores e profesores universitarios que achegan a súa visión do sistema en España, Finlandia, Portugal, Cuba e Chile, entre outros.