O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita a senda do río Tea, galardoada recentemente coa Bandeira Sendeiro Azul
Estas imágenes pertenecen a xunta.gal
- Galicia conta con preto de 50 roteiros galardoados con esta distinción, das cales máis de 30 atópanse na provincia de Pontevedra
- Reguera destacou o bo estado da Senda do Río Tea e animou a outros concellos a solicitar este distintivo para itinerarios que transcorren en plena natureza
Ponteareas (Pontevedra), 8 de maio de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Senda do Río Tea, no concello de Ponteareas, que foi distinguida coa Bandeira Sendeiro Azul.
Trátase dunha distinción outorgada pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) co obxectivo de premiar a recuperación e posta en valor de percorridos e itinerarios naturais que axuden a conservar e potenciar a natureza.
De feito, cabe destacar que Galicia é unha das comunidades autónomas con máis bandeiras Sendeiro Azul, con 49 percorridos recoñecidos con esta bandeira de excelencia. Dentro de Galicia, sobresae a provincia de Pontevedra, que conta con 31 sendeiros na lista da Adeac.
O delegado territorial destacou a importancia da colaboración entre as institucións para "potenciar os múltiples recursos naturais que temos en Galicia e coidalos para que todos os veciños e visitantes poidan gozar deles".
Reguera realizou un pequeno tramo desta senda e asegurou que o criterio de Adeac "non pode ser máis acertado". Nesta liña, concluíu a visita "animando a que moitos máis concellos opten a esta distinción, que mellora aínda máis se cabe a excelente reputación de Galicia como un destino turístico ideal para os amantes da natureza".
Praias con bandeira azul
Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.
Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul.